OurenseÚltima hora

Expofamilia 25, a II edición da Feira da Saúde e o Benestar na Familia, celebrarase nesta fin de semana en Expourense

 

Expourense acolleu a presentación oficial de Expofamilia 25, a Feira da Saúde e o Benestar na Familia, que se celebrará os días 13 e 14 de setembro no recinto feiral ourensán.

O acto contou coa intervención de representantes institucionais e da organización, que destacaron a importancia de consolidar este evento como referente en Galicia e no norte de España, conectando ás familias con profesionais dos ámbitos sanitario, educativo e do benestar a través dun formato innovador, participativo e comprometido coa diversidade.

No acto participaban Santiago Álvarez González, director territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia; María Teresa Barge Bello, deputada de Igualdade da Deputación Provincial de Ourense; Tamara Silva Cid, Concelleira de Educación e Xuventude do Concello de Ourense; Mary Salgado Atanes e Dna. Tania Cardenal Mera, en representación do equipo organizador de Expofamilia Ourense 2025; e Rogelio Martínez González, director-xerente de Expourense.

Durante a presentación, subliñouse que Expofamilia é “moito máis que un evento: é unha oportunidade para conectar co que de verdade importa. É un espazo de encontro real entre familias e profesionais, un lugar de respecto, aprendizaxe e alegría, no que todos os modelos familiares teñen cabida”.

 

 

A feira desenvolverase durante a fin de semana, cun programa de máis de 50 actividades dirixidas por outros tantos profesionais, pensadas para todas as idades: charlas e obradoiros sobre saúde e crianza, zona multideporte, espazo musical, obradoiros en familia, zona comercial e de expositores, ademais de áreas dedicadas a asociacións e entidades sociais.

Como novidade nesta edición, haberá un Espazo de Diálogo: Maternidade Real, un coloquio próximo e auténtico entre nais que compartirán as súas experiencias reais sobre a maternidade. Neste encontro intervirán as coñecidas xornalistas e actrices María Mera e Raquel Atanes, que achegarán vivencias, reflexións e retos do día a día da crianza.

Entre os ponentes estrela destacan tamén Carlos González, pediatra e referente na crianza respectuosa; Armando Bastida, enfermeiro pediátrico e divulgador; e Sara Desirée Ruiz, educadora social e autora de varios libros sobre adolescencia.

Expofamilia 25 conta co patrocinio de Igual de Buenas e Carlin Xinzo, ademais da colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, que fan posible unha feira diversa e chea de experiencias para compartir en familia.

O prezo da entrada (17,90 euros) dá acceso a toda a feira, incluídas as charlas, obradoiros, espazos infantís e servizos de conciliación.

Back to top button