O Paseo do Malecón convertíase a partir das 18h. deste 14 de setembro, día grande das Festas do Cristo do Barco, nun circuíto de atletismo polo que corrían dende menos de menos dun ano ata veteranos de oitenta nun ambiente festivo moi especial. E iso sen esquecer as carreiras dos atletas elite, cun cartel de luxo tanto en categoría feminina como masculina.
Un ano máis, a Milla Urbana do Barco, a terceira máis antiga de España, demostraba o seu nivel e contaba cunha notable participación atlética e tamén con numeroso público, entregado, que animaba aos corredores, celebrando os éxitos, pero tamén acompañando a aqueles que se rendían para que completasen o percorrido.
Este evento, enmarcado nas Festas do Cristo, encetábase ás 18h. coas categorías Sub10 (cun percorrido de 268 m), nas que se impoñían Antía Rodríguez e Lucas Paradelo (Adas Cupa); continuaba coas Sub12 (536 m), onde ganaban Paula Crespo e Roi Gallego (Adas Cupa); coas Sub14 (1.072 m) nas que os primeiros era Brais Rodríguez e Irina Sánchez; e coas Sub16 (1.072 m.), onde vencía Mateo Valcarce (Adas Cupa).

A partir de aí xa comezaba a distancia da milla propiamente dita (1.609 m), con vitoria de Iker Fernández (A Gándara). Despois viñan a carreira dos Master (A e B) e populares masculinos, onde o primeiro atleta en cruzar a liña de meta era o Máster A Manuel Hurtado, seguido do popular Pablo Vicente e do tamén Máster A Manolinho Besteiro. Na segunda proba de másters (C, D, E masculinos, máster feminino e popular feminino), impoñíase Alberto Ojea (Club Ourense Atletismo) que é Máster C, sendo segundo na clasificación xeral Saturnino González, do mesmo club.

A Milla concluía co acto de entrega de premios que contaba coa presenza do alcalde do Barco, Aurentino Alonso, ademais de coa das concelleiras Margarida Pizcueta e Maite Estévez; da deputada provincial María Carmen González; así como con Manuel Pérez, xefe de Deportes da Xunta en Ourense; co presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e coa atleta ganadora 6 veces da Milla e pregoeira do Cristo, Eva Arias.
O programa da Milla continuaba coa tradicional homenaxe a atletas valdeorreses con destacados resultados en competicións nacionais. Deseguido, os máis pequenos convertíanse en protagonistas da Milla coas carreiras de nenos e nenas de 6 e 7 anos, dos 4 e 5 anos e, finalmente, dos meniños de 3 anos ou menos. Nesta última, o Periódico O SIL, como vén facendo dende os seus inicios, entregaba trofeos ao primeiro cativo en chegar a meta, Javier, e a primeira nena, Mara.
No circuíto contábase coa presenza da Policía Local, de Protección Civil do Barco e de Petín.
Fotos: Carlos G. Hervella.