Coa idea de dar resposta á grave situación vivida este verán nos territorios afectados polos incendios forestais na provincia e un dobre obxectivo, acompañar ás persoas damnificadas e contribuír a recuperar canto antes a normalidade no medio rural ourensán, nace a campaña Da Cinza á Esperanza, unha iniciativa que veñen de poñer en marcha dende Xuventudes Socialistas e que presentaban o pasado venres.
O coordinador provincial Borja López explica que a campaña nace do “diálogo constante coa militancia, portavoces, alcaldes e alcaldesas, así como con asociacións ecoloxistas, que achegaron o seu coñecemento e experiencia para definir que facer agora mesmo sobre o terreo queimado e como construír un futuro máis seguro e sostible para Ourense” articulándose en varias liñas de traballo.

En primeiro lugar, poñeranse en marcha tarefas de intervención directa no terreo: limpeza de fontes e canalizacións de auga danadas pola cinza, apertura de camiños que quedasen bloqueados pola caída de árbores ou ramas e preparación de barreiras naturais para frear as escorrentías. “Estas accións, de carácter inmediato, buscan mellorar a vida diaria nas aldeas e facilitar a recuperación de actividades produtivas”, di Borja, explicando que de xeito paralelo, Xuventudes Socialistas desenvolverá unha campaña de concienciación sobre a emerxencia climática, coa que pretende sensibilizar á cidadanía e alertar sobre a relación directa entre o cambio climático e o incremento dos incendios forestais. Tamén se celebrarán encontros con sectores especialmente afectados, como o vitivinícola, o forestal ou o gandeiro, escoitando as súas preocupacións e traballando propostas de futuro.
“Alégranos ver que o PSdeG-PSOE tamén decidise impulsar unha campaña para actuar sobre o terreo afectado polos incendios similar á nosa. Consideramos que é unha boa noticia que as nosas ideas inspiren ao conxunto do partido, porque significa que poderemos sumar esforzos, ideas e colaborar conxuntamente, reforzando a unidade de acción e multiplicando o impacto positivo das nosas actividades en beneficio da sociedade ourensá”, di o coordinador de Xuventudes, asegurando que a iniciativa ten unha vocación de continuidade.

De feito, “prolongarase durante os próximos meses e culminará cunhas xornadas de reforestación nos montes arrasados polos incendios”. Nelas plantaranse especies autóctonas e resistentes ao lume, apostando por un modelo sostible de recuperación ambiental. A organización anima a que “cada persoa participante contribúa coa compra de árbores” e confía en que “o propio PSdeG-PSOE se sume a algún destes labores”.
A campaña comezaba o domingo 14 de setembro limpando na Cabeza Grande, na Pobra de Trives, co apoio da alcaldesa, Patricia Domínguez e a concelleira, Cristina Paz.
Fotos cedidas.