
Unha viaxe por África a través dos versos e das imaxes. É o convite que fai ao lector Moncho Iglesias Míguez no seu novo libro “Baobab” (Ed. Tempo Galiza, 2025), un fotopoemario que se presentará na cidade de Ourense na tarde do 17 de setembro. Este autor, que foi profesor no IES Martaguisela do Barco, estará acompañado neste acto, previsto ás 19:30h. na Librería Eixo, coa música de Elisa e Manuel.
“Baobab” é “verso e fotografía sobre África. 88 imaxes que pasean con moitas palabras máis por África, nunha lectura das fronteiras que navegan as augas de ríos, lagos, mares e oasis, e o visionamento dunha historia contada en ladaíñas de silencios e berros”, explica o seu autor. Un paseo polo continente no que a voz poética implícase e expón en primeira persoa a súa vivencia e experiencia nese territorio.
Ademais Iglesias define esta obra como “un mapa debuxado con pasaportes que buscan visados cos que espertar de travesías deseñadas coas físgoas dos calzados que aínda non tiveron pé e, así a todo, xa confesan colleitas de insultos e adubos. A árbore que acubilla soles e chuvias cos que alimentar o futuro de moitos devanceiros non deixa de ser un ruxido e unha caricia ás meixelas que agochan sentimentos, quer dominantes quer dominados. E nese verxel arco iris que axexa os arrolos das tormentas que guían cara a outros paraísos, outras fames e outros dominios, tropezan palabras e fotografías”.

Por iso, prosegue o poeta, “as imaxes feitas palabras e viceversa evocan un continente que exacula cores, á vez que viste de loito calcañares e calcañares e calcañares esquecidos nas pegadas que deixan as ladaíñas da vida”.
Para Moncho Iglesias este fotopoemario supón, en definitivo, “unha visión e unha proposta pola África dos iguais desde unha ética radicalmente democrática. Baobab é unha fértil e poderosa forma de achegarse a unha realidade tan próxima e descoñecida”.
Fotos cedidas.