
A vaga de incendios do pasado agosto afectou significativamente os espazos protexidos, e en particular, os da provincia de Ourense. Así o destacaba esta mañá en rolda de prensa a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). Segundo explicaba, os datos solicitados pola entidade ao sistema Copernicus-EFFIS (European Forest Fires Information System), “cifran en 37.819 hectáreas a superficie queimada en Rede Natura 2000, o que supón o 26% de todo o queimado até o de agora este ano e o 10,8% do conxunto dos espazos protexidos galegos. Trátase da maior afección por extensión queimada e porcentaxe a esta figura de protección europea dende a súa instauración en Galiza en 2004. Os incendios afectaron tamén a outras 8.841 hectáreas en áreas propostas para ampliar a Rede Natura 2000 e incluidas na Estratexia de infraestrutura verde, algunha das cales, como a Serra de Vilamartín, arderon por completo. Tan só en 2011 a superficie queimada en espazos protexidos (10.949 ha) aproximouse, aínda que de lonxe, á deste ano”.
Particularmente importante, resalta Adega, “foi a incidencia dos lumes nos espazos protexidos do interior de Galiza, nomeadamente en Ourense. Así, os datos do EFFIS sinalan que en apenas unha semana de agosto, queimouse o 56,8% do Bidueiral de Montederramo; o 52,4% do Macizo Central; o 20,3% de Pena Trevinca; o 14,8% de Pena Maseira e o 7,5% da Serra da Enciña da Lastra; para un total de 31.837 hectáreas. E en Lugo, a ZEC Ancares-Courel sufriu os incendios máis graves da súa historia, ao queimar un total de 5.389 ha, o 5,2% da súa superficie”.
Por outra banda, indica Adega que “a viabilidade ecolóxica dalgúns destes territorios, fogar de especies moi sensibles e ameazadas como o oso, a aguia real ou flora endémica, fica seriamente ameazada. E os servizos ecosistémicos que prestan estes espazos á sociedade (regulación hídrica, absorción de carbono, control da erosión, subministro de alimentos…) tardarán anos en recuperarse, polo que resulta imperativo planificar e comprometer medios e recursos para a rexeneración destes territorios”.
Ademais Adega critica a “opacidade e a desinformación practicada polas consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural durante esta vaga de lumes” , algo, engade “parello ao seu desleixo e inoperancia”.
Esta asociación ecoloxista apunta así mesmo que actualmente “non se coñecen datos oficiais das afeccións dos lumes durante este ano á Rede Natura galega, nin tampouco cal é o plan da Xunta (se é que existe) para a recuperación da biodiversidade e dos valores ecolóxicos destes espazos, de especial valor para o conxunto da sociedade. Resulta difícil de entender que, a sabendas do dano exercido polos lumes sobre os espazos naturais protexidos, a Consellaría de Medio Ambiente aínda non teña disposto ningunha acción específica para a restauración ecolóxica destes espazos con fins ambientais. Só outorga axudas para os tecores e para a recuperación de infraestruturas”.
Neste senso, Adega pide ás Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural a convocatoria “urxente do COGAMADES (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvimento Sustentábel), para que a Xunta dea conta da súa xestión, facer balance dos danos e coñecer os programas para a rexeneración dos espazos protexidos queimado”, entre outras demandas como “a posta en marcha de medidas urxentes de protección, restauración e rexeneración nos espazos naturais afectados polo lume, especialmente prioritarias en espazos naturais protexidos, para mitigar no posíbel a perda de biodiversidade e a afectación do solo, e tentar recuperar a funcionalidade ecolóxica e os servizos ecosistémicos danados nestes territorios”.
Tamén se propón “a recuperación da figura do voluntariado en defensa do monte galego, como elemento efectivo de participación e vehículo da colaboración cidadá que tanto contribuíu a salvar moitos lugares e espazos durante o peor da vaga de lumes perante a ausencia da administración” e a “publicación do mapa de riscos asociados aos recentes lumes forestais no que se concreten as zonas sensibles de erosión, a afección sobre os cursos e recursos hídricos, forestais e pesqueiros e infraestruturas, tal e como obriga a Lei de prevención de incendios no seu artigo 49”.