ConcellosÚltima horaVilamartín

A conselleira de Vivenda visita San Vicente, onde se transferiron axudas a 7 propietarios de vivendas queimadas

Allegue destacou que a Xunta está a axilizar a tramitación e a resolución das solicitudes, tal como comprometera á veciñanza afectada

 

A Xunta leva transferidos 902.996€ en axudas para os propietarios de vivendas afectadas polos incendios forestais deste verán. Así o aseguraba a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que visitaba neste 16 de setembro San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras).

Allegue, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora territorial da Consellería, Pilar Fernández, ademais de polo alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, e polo concelleiro José Pinto, desprazouse de novo ata esta aldea vilamartinesa, onde se outorgaron axudas a 7 familias. Alí reuníase coa veciñanza, percorría a localidade e podía comprobar os efectos do incendio de agosto nas súas diversas edificacións.

Allegue destacou que a Xunta está a axilizar a tramitación e resolución das axudas, tal como comprometeu á veciñanza afectada nas visitas realizadas nestas pasadas semanas.

 

 

As achegas da Xunta poden acadar case 150.000€ no caso de vivendas habituais, pois aos 132.000€ para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200€ polo enxoval doméstico. En caso de segunda residencia, as axudas son de ata 66.000€ e 5.400€ para o enxoval.

O Goberno galego tamén asumirá o 100% do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600€ máis para sufragar gastos derivados desta situación. Os afectados poderán percibir a contía total da axuda de xeito anticipado, o que lles permitirá axilizar obras de rehabilitación das vivendas.

A Xunta ten habilitadas 16 oficinas para resolver dúbidas das persoas afectadas e axudalas a presentar as solicitudes. A cidadanía tamén pode dirixirse a calquera das oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ou aos concellos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button