EconomíaEconomíaÚltima hora

Rueda visita a sede da Asociación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia en Santiago

No encontro con esta entidade, que preside o valdeorrés Javier Adolfo González, abordábase o principal desafío que enfronta o transporte de mercadorías en Galicia: a falla de condutores profesionais

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro con representantes da Asociación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), que preside o valdeorrés Javier Adolfo González e cuxa secretaria xeral é Myriam Otero. No seu percorrido pola súa sede en Santiago cualificaba a este sector de “estratéxico” e amosaba o compromiso do goberno galego para facilitar a remuda xeracional e garantir unhas infraestruturas seguras.

Rueda puxo en valor a renovación experimentada pola asociación -que representa a máis de 1.100 pequenas e medias empresas e autónomos do sector- nos últimos anos e recoñeceu o seu compromiso coa igualdade, sendo merecedora do Premio Matilde Ucelay en 2022 polo seu labor en prol da incorporación das mulleres á loxística e ao transporte, un eido historicamente masculinizado.

No encontro abordábase o principal desafío que enfronta o transporte de mercadorías en Galicia: a falla de condutores profesionais. Nesta liña, Rueda lembrou que a Xunta vén de “solicitar que se nos transfira, como noutras comunidades, a capacidade para autorizar permisos de traballo a estranxeiros” co obxectivo de axilizar este tipo de trámites.

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita a Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Estrada de Galicia (APETAMCOR). Sede APETAMCOR, 16/09/25.

 

Estímase que existe un déficit de entre 1.500 e 3.000 traballadores no sector do transporte de mercadorías por estrada, cun cadro de persoal envellecido e con barreiras de acceso derivadas do alto custo da formación. Neste senso, a Xunta puxo en marcha este ano un programa específico de 1 millón de euros que permite subvencionar ata 3.900 euros por alumno nos cursos obrigatorios de cualificación profesional (CAP) e permisos de condución profesional.

Ademais, o Goberno galego está a impulsar distintas medidas formativas co obxecto de atender as necesidades tanto do tecido produtivo como das persoas traballadoras, como o novo decreto de microcredenciais en tramitación, as unidades formativas en empresas dotadas con 8 millóns de euros, os Bonos Talento Empresa con 2 millóns, ademais das axudas para a formación de traballadores ocupados (4 millóns) e de persoas desempregadas (50 millóns).

No eido das infraestruturas e a seguridade viaria, Rueda subliñou o traballo da Xunta para desenvolver unha rede pioneira en España de Áreas de Estacionamento Seguro con 1.500 prazas. Ademais, resaltou a importancia de mellorar a seguridade nas vías de comunicación. Nesta liña, lembrou as melloras “na autovía á Estrada, na de Nadela-Sarria ou o desdobramento da autovía a Noia” así como a recente liberación de catro autoestradas con peaxes en sombra.

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita a Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Estrada de Galicia (APETAMCOR), en Santiago.
Back to top button