
O presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, acudía esta tarde á xunta directiva provincial do PP de Ourense, acompañado polo presidente do partido na provincia, Luis Menor. Alí Rueda referíase ás axudas postas en marcha polo Goberno galego para os afectados polos incendios deste verán en Ourense anunciando que, no caso das axudas para vivenda, das 83 solicitudes, 9 xa están resoltas e pagadas. Ademais tivo a oportunidade de afondar neste paquete de medidas extraordinarias xunto ás responsables dos departamentos autonómicos implicados: María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático).
Rueda recordou que esta axudas, dispoñibles desde o 1 de setembro, non teñen límite de importe global e abranguen desde axudas persoais por falecemento ou incapacidade ata axudas para a reconstrución ou compra de vivendas, así como a cobertura do 100% dos custos ocasionados polos lumes no caso de explotacións agro-gandeiras e forestais, empresas e comercios. Tamén os concellos contan con apoio para a reparación de infraestruturas e servizos afectados e a asunción dos gastos derivados das evacuacións e da restauración ambiental.
A maiores, tal e como anunciou a pasada semana na súa comparecencia no Parlamento galego, o presidente destacou a adopción de novas medidas como o reforzo do dispositivo de extinción aéreo con novas unidades e bases (como a prevista en Verín), a mellora da prevención no entorno de vivendas e infraestruturas coa asunción da competencia para limpar faixas secundarias en concellos de menos de 10.000 habitantes, ou o avance na reforma legal para que as administracións poidan intervir directamente en fincas de propietarios incumpridores.
Tamén quixo reiterar a súa reclamación, compartida polo partido en Ourense, de que o Goberno central poña en marcha unha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia e máis concretamente nas instalacións do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.
O obxectivo de todo isto, concluíu, “é aprender do vivido e estar mellor preparados para o futuro”. De aí que comprometera o seu traballo e o de todo o seu equipo “para actualizar a estratexia de prevención de incendios e mellorar a resposta sendo conscientes de que o que queda por diante é tan importante como o que pasou”.
Pola súa banda, Luis Menor puxo en valor a visita do presidente do PPdeG por tratarse da primeira xunta directiva provincial na que participa despois deste verán, “expresando así unha vez máis o seu total apoio a unha provincia devastada polos lumes”. Neste sentido, subliñou que “o Goberno galego non só fala, senón que actúa e, ademais, coa máxima axilidade”.
Tamén a Deputación de Ourense “actuou desde o minuto un”, defendeu o presidente do PPdeOU recordando que se integrou no CECOP e facilitou todos os medios materiais e humanos dispoñibles, asumiu pola vía de urxencia e nunha tramitación exprés a extinción do lume do vertedoiro municipal da Rúa (traballos concluídos hai 8 días) e constituíu unha mesa con grupos políticos e axentes económicos e sociais implicados nos labores de recuperación,
Ademais, no marco do PP de Ourense Menor lembraba a celebración de 17 congresos locais e a próxima convocatoria doutros cinco, a aprobación de oito xestoras ou a renovación das alcaldías de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, “con relevos coa máis absoluta normalidade, sen estridencias e con total unidade”. Neste capítulo tivo palabras de agradecemento para Andrés Montesinos, que deixou a alcaldía de Viana do Bolo tras unha moción de censura presentada por PSOE e BNG.