
Este sábado 20 de setembro coñecerase o poema gañador do VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Dotado con 3.000€, o galardón será entregado no decurso da gala que se celebrará no Teatro Lauro Olmo do Barco a partires das 20:30 horas presentada pola actriz Iria Pinheiro que estará acompañada en escea polo músico Davide González.
Este ano, a entrega do Premio de Poesía será un evento benéfico destinándose o recadado en taquilla (5 euros) a proxectos de recuperación do monte tralos lumes forestais do pasado mes de agosto.

Con esta gala ábrese unha fin de semana poética e musical que ten unha nova cita o domingo 21 na praza Doutor Quiroga de Petín. Alí, dende as 12:30 horas, celebrarase un encontro poético musical ao que acudirán os finalistas e xurado do Premio e no que se estreará Nadel, unha nova asociación cultural valdeorresa que aposta por “darlle voltas á cultura, activar a memoria, acompañar procesos e sementar futuro en galego, sen espiñas”, tal como explican os seus responsables, Ana Rosa, Jorge Moral, Rubén Alvariño e Iria Vila.

Todos eles levan tempo desenvolvendo iniciativas culturais na comarca e varios dos membros colaboran dende hai tempo coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán en diferentes actividades como as Florenciadas ou os roteiros, amosando moita creatividade para socializar a poesía. A súa proposta en Petín é “ofrecer poesía frigorífica, imáns con versos dos poetas do Premio que a xente poderá levar unha vez superados algúns xogos relacionados cos autores e autoras da comarca”.
Na mesma praza de Petín, ás 13 horas, comezará o concerto do grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band, que contan cun repertorio propio de temas en galego.