En portadaÚltima hora

Segue activo o incendio do Bolo-Vilaseco que afecta a 240 ha pero descofináronse os núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo

Tamén segue activo o incendio de Pantón-Pombeiro con 1.400 ha, parte delas no concello de Sober

Incendio do Bolo-Vilaseco./ Foto cedida.

 

Na mañá deste sábado 20 de setembro e segundo os datos recollidos pola Consellería do Medio Rural ata as 09 horas, continúan activos e en Situación 2, con carácter preventivo, os incendios do Bolo-Vilaseco (240 ha) e Pantón-Pombeiro (1.400 ha), nas provincias de Ourense e Lugo, respectivamente.

O Bolo-Vilaseco. Activada a Situación 2

Permanece activo desde o xoves ás 23.47 horas o incendio forestal do concello do Bolo, parroquia de Vilaseco, no que segue decretada a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz, medida que se desactivara a última hora mañá deste venres e se tivo que reactivar na tarde de onte tras empeorar as condicións meteorolóxicas.

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 240 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 21 axentes, 34 brigadas, 24 motobombas, 3pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 11 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Tal como indican dende o 112 Galicia, neste caso déronse indicacións para o desconfinamento dos núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo.

Pantón-Pombeiro. Activada Situación 2

Ás 14.16 horas do pasado xoves iniciouse o incendio forestal rexistrado no concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, no que se mantén activa a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Lornís. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 1.400 hectáreas, parte delas no concello de Sober.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 12 técnicos, 62 axentes, 82 brigadas, 62 motobombas, 9 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Segundo os datos do 112 Galciai, os veciños e veciñas dos núcleos de Cibrisqueiros, Frontón, Budián e Souto, no concello de Pantón, xa poden volver ás súas casas. Ademais, ningunha poboación está confinada nin evacuada no concello de Sober, tras as medidas adoptadas na tarde-noite de onte nas poboacións de A Barca e Rosende. “Durante a noite, foi necesario evacuar unha poboación máis: 17 persoas do núcleo de Abelairas”, puntualizan.

Ademais, ao longo desta noite rexistrouse un incendio forestal no concello lucense da Fonsagrada, parroquia do Trobo, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 20 hectáreas

Back to top button