CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Ramón Teira: “Aínda que non é fácil, seguimos sumando socios”

O presidente de AMAVA adianta que empezaron a gravar pola súa conta un disco con varios temas de cada grupo

O presidente de AMAVA, Ramón Teira./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Rematando o verán, que non a música, dende AMAVA (Asociación de Música Alternativa de Valdeorras) comezan a valorar o ano no que celebra o 15º aniversario. “Aínda que non é fácil, seguimos sumando socios atraídos polos nosos eventos, a nosa unidade e un espazo onde poder expresar coñecementos musicais ou adquirilos da forma mais divertida”, di o presidente, Ramón Teira, destacando que actualmente son 58 membros en activo, pertencentes aos concellos do Barco principalmente, Vilamartín, Carballeda, Petín, Larouco, Quiroga ou A Rúa. “Enorgullécenos saber que algúns veñen de tan lonxe e anímanos a seguir mellorando”, recoñece Moncho.

A nivel de actividade, este está sendo un ano moi completo cun total de 41 concertos a falta de catro meses para que remate. Especialmente orgullosos están dos numerosos eventos nos que levan participado. “Estivemos na entrega de premios do Clúster da Pizarra e aos mellores viños da comarca, facendo que a música de AMAVA sexa un referente en Valdeorras case tan recoñecido como a lousa ou o viño”, di Teira. Tamén amenizaron a Festa do Botelo, a do Codillo, o SilFest, o Terrasón e múltiples eventos na comarca e mesmo fóra de Galicia; así como Galas Benéficas nas que puxeron o seu gran de area.

“Este ano, como novidade, recibimos a incorporación dun grupo de mozos de 13 anos que nos motiva a seguir coa parte didáctica que iniciamos o ano pasado”, conta orgulloso o presidente, recoñecendo que lograron a colaboración de Víctor de Andrés, guitarrista de Mago de Oz, que lles deu unha clase maxistral de guitarra e unha exhibición, planeando ter algunha máis proximamente.

As jam session foron un gran éxito para o público pero sobre todo para os participantes que non dispoñen de grupo ou simplemente estanse iniciando nos escenarios; e tamén empezaron a gravar un disco con varios temas de cada grupo. “Ante a falta de apoios non nos rendemos e facémolo pola nosa conta”, avanza Ramón Teira cocluíndo que están “súper contentos coa evolución que levamos e o labor que cumprimos ofrecendo este espazo aos máis mozos que ségueno reclamando”.

Back to top button