En portadaÚltima hora

Os Entroidos de Viana, Manzaneda e Vilariño recollen os diplomas de Festa de Interese Turístico Nacional

Recibíanos os seus alcaldes esta mañá nun acto celebrado no Teatro Real de Madrid

 

Este mércores tiña lugar no Teatro Real de Madrid a entrega dos diplomas das novas Festas de Interese Turístico Nacional, entre as que figuran os Entroidos de Viana do Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso, coa presenza dos alcaldes dos alcaldes destes municipios, Germán García-Ávila, Amable Fernández e Melisa Macía, respectivamente. Este recoñecemento concédeo a Secretaría de Estado de Estado de Turismo (do Ministerio de Industria e Turismo). Era o rexedor de Manzaneda, que interviña no acto en nome das festas recoñecidas.

Tamén asistía á entrega o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen destacaba a importancia destas celebracións na definición dunha oferta singular para Galicia, baseada na súas tradicións e festas locais, así como “o seu impacto na desestacionalización e na redistribución territorial da oferta”.

En concreto, o director de Turismo de Galicia ponderou a importancia do recoñecemento á hora de dar visibilidade á rexión oriental da provincia ourensá a través dunha das súas celebracións máis senlleiras. Destacou, ademais, que “o Entroido supón un momento de importante mobilización turística, máis aló dos meses clásicos de tempada alta”.

 

 

A declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para os Entroidos do Oriente Ourensán, como se denominou á candidatura conxunta, oficializouse a comezos do mes de xullo. Previamente, os carnavais acadaran a consideración de Interese de Turístico de Galicia: Viana do Bolo en 1999, Manzaneda en 2008 e Vilariño de Conso no ano 2016.

As tres celebracións teñen elementos compartidos, como os folións ou fulións, que percorren as aldeas. Cada unha ten, ademais, un personaxe característico, como o boteiro de Viana e Vilariño -que se diferencian tanto na súa estética e indumentaria como no seu comportamento- ou as Mázcaras de Manzaneda.

O Entroido é unha das festas grandes en Galicia, que goza desde marzo deste ano da distinción de Ben de Interese Cultural ao ser recoñecido como “unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia”. Ademais dos Entroidos de Viana, Vilariño de Manzaneda, o de Verín conta tamén coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, mentres que o de Xinzo de Limia é desde 2019 Festa de Interese Turístico Internacional. Outros seis teñen a categoría de interese turístico en Galicia: os de Cobres, Laza, Maceda, Foz, os Xenerais do Ulla e o Enterro da Sardiña en Marín.

Back to top button