A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) celebraba este luns unha xornada informativa dentro do programa AEVAempregate VII, financiado pola Deputación de Ourense, centrada no novo regulamento Verifactu e titulada “Como adaptarse ás novas obrigacións de facturación”.
A sesión, impartida por Asesoría Xesta, contou coa participación de máis de 40 persoas entre empresas e autónomos da comarca, interesados en coñecer de primeira man as novidades e esixencias legais que introduce este sistema, e cuxa implantación será progresiva a partir de 2026.
Durante a xornada expuxéronse os aspectos fundamentais de Verifactu, entre eles as obrigacións de facturación, o funcionamento do novo sistema informático, os prazos de entrada en vigor —xaneiro de 2026 para as empresas suxeitas ao Imposto de Sociedades e xullo de 2026 para os autónomos e contribuíntes no IRPF—, o réxime sancionador, a futura facturación electrónica B2B prevista para 2027 e as axudas públicas dispoñibles para facilitar a adaptación.
Un dos puntos máis destacados foi a explicación de que Verifactu será obrigatorio para quen utilice software de facturación, garantindo a inalterabilidade e rastrexabilidade das facturas emitidas, e recalcouse que a tendencia normativa diríxese cara á dixitalización total.
“A xornada tivo unha excelente acollida, permitindo aos asistentes resolver dúbidas e coñecer con maior claridade como afectará este novo sistema á súa actividade profesional. Con este tipo de iniciativas, AEVA reforza o seu labor de acompañamento ao empresariado de Valdeorras nos procesos de adaptación aos cambios normativos e tecnolóxicos”, indica a asociación.