EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A viabilidade técnica da vendima asistida por dron demóstrase na D.O. Ribeira Sacra

O reto era transportar caixas de uvas cun dron, un caso de uso agrícola que nunca se fixo, para analizar se este método pode ser unha alternativa no proceso de vendima

 

A finais de setembro tiña lugar nas instalacións da Adega Finca Millara, en A Millara (Pantón), a primeira proba de carga aérea de uva mediante dron, impulsada polo proxecto Espazo para Servizos Aéreos Comerciais Innovadores. O reto era transportar caixas de uvas cun dron, un caso de uso agrícola que nunca se fixo, para analizar se este método pode ser unha alternativa no proceso de vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra

Na adega Finca Míllara, o dron DJI FlyCart 30, operado por Grupo Elecnor, completaba o 25 de setembro con éxito o transporte de 60 quilos de uva Mencía. A operación consistiu en tres viaxes de apenas 3 minutos cada un, trasladando a carga nunha caixa suspendida desde as viñas vellas ata a adega.

“Un fito para a viticultura heroica da Ribeira Sacra, demostramos por primeira vez en España a viabilidade técnica da vendima asistida por dron. Isto fíxose posible grazas, en primeiro lugar a INECO, ao Grupo Elecnor que coa súa autorización operacional marcou un fito, á AESA – Axencia Estatal de Seguridade Aérea, a ENAIRE e a SAERCO como provedores de tránsito aéreo necesarios dentro da autorización, así como á Adega Finca Míllara e ao Consello Regulador de DO Ribeira Sacra”, explican os promotores da iniciativa.

Un éxito, engaden, que vai máis aló da tecnoloxía. “É unha resposta directa aos enormes desafíos da viticultura nun terreo extremo e representa un paso de xigante para mellorar a seguridade dos vendimadores, eliminando a tarefa máis ardua e perigosa, optimizar a eficiencia loxística da colleita e preservar a máxima calidade da uva, ao reducir o tempo entre a recolección e o prensado”.

Iniciativas como esta materializan a razón de ser de ESCAI: ser un ecosistema real, impulsado por INECO, onde a innovación aérea ponse ao servizo da economía e a sociedade, ofrecendo solucións sostibles, sinalan.

 

 

Antonio Lombardía, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, di que practicamente todo o traballo realízase á man como desde hai séculos. “Pretendemos seguir traballando da mesma maneira, pero incorporando as novas tecnoloxías. Estamos a testar esta tecnoloxía para ver se é útil para os viticultores da Ribeira Sacra. A tecnoloxía para carga con drons está nun estado incipiente, pero cun desenrolo moi acelerado. Esta proba indícanos en que estado se atopa esta tecnoloxía actualmente e permítenos ser optimistas de fronte un futuro moi próximo. O dron non resultaría competitivo en todos os casos, pero si que podería ser moi útil en terreos con accesos moi complicados”.

Moi útil, sen dúbida, é para a aplicación de tratamentos fitosanitarios. Antonio Lombardía opina que “os drons nos interesan máis para a aplicación de produtos fitosanitarios. Temos pouca man de obra e unha poboación envellecida e trátase dun traballo moi sacrificado. Sería de gran axuda para que o viticultor e poder así manter este tipo de viticultura”.

Back to top button