CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “Castelao de “Sempre en Galiza” ao Consello de Galiza 1934-1944”, en Quiroga

 

Con motivo da conmemoración do Ano Castelao (75 Aniversario da súa morte) chega a Quiroga a exposición: “Castelao de “Sempre en Galiza” ao Conselllo de Galiza 1934-1944”. Trátase dun proxecto divulgativo que mostra unha descrición cronolóxica dos textos de Castelao en relación coa súa actividade política desde 1934, cando asina os primeiros artigos no desterro estremeño, ata 1944 cando se publica a primeira edición de “Sempre en Galiza” e se funda o Consello de Galiza, goberno galego no exilio do que foi primeiro presidente.

A mostra exhibe materiais documentais e bibliográficos en oito paneis que resumen o contido da obra máis senlleira do pensamento político de Castelao. A exposición, organizada polas Concellerías de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Quiroga, conta co patrocinio da Área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo e inaugurarase o venres 3 de outubro ás 12:30 h. do mediodía no vestíbulo da Casa da Cultura. Poderase visitar ata o día 15 deste mesmo mes.

 

 

Ademais da benvida institucional, a inauguración inclúe unha “visita teatralizada” duns 15 minutos a cargo do grupo de teatro ‘Os Quinquilláns’. 

 Este mesmo venres 3 de outubro, ás 13:00 h., o Salón de Actos da Casa da Cultura será o escenario da representación teatral da obra “Cousas” a cargo da Compañía ‘Os Quinquilláns’. Trátase dunha divertida versión da obra “Cousas” de Castelao na que estarán presentes grandes temas do texto orixinal como a ecoloxía, a solidariedade, a emigración ou a xustiza social.

A montaxe transita entre a traxedia, a comedia e a farsa co obxectivo de respectar a lingua, a época e o ambiente do Rianxo natal de Castelao.
 
 A obra, baixo a dirección e a representación de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, está dirixida a un público mozo e adulto e a entrada será de balde. Alumnado do IES de Quiroga acudirá a esta representación á que pode asistir quen o desexe.

Back to top button