PolíticaÚltima hora

O BNG do Barco pedirá no pleno “unha política de prevención e xestión do medio” para evitar novos incendios

Os concelleiros do BNG no Barco./ Foto: O SIL.

 

A necesidade de tomar medidas para evitar que a emerxencia que vivía Valdeorras polos incendios forestais neste verán se repita será plantexada, a través dunha moción presentada polo BNG do Barco, no pleno ordinario que a Corporación municipal celebrará este xoves. Nesta moción piden a posta en marcha dunha serie de “medidas necesarias para evitar que se repita esta catástrofe mediante unha política de prevención e unha xestión integral do medio”.

Así, o voceiro municipal do BNG, Manuel Agra, asegura que esta vaga de lumes “é a consecuencia directa dunha xestión absolutamente neglixente por parte do goberno galego, tanto na prevención como na xestión da emerxencia. O modelo de loita contra o lume do Partido Popular demostrou, unha vez máis, o seu absoluto fracaso. A falta de planificación, de prevención e de recursos eficientes por parte da Xunta converteu a situación nunha auténtica catástrofe. A xestión foi errática, sen a coordinación necesaria, deixando a moitas brigadas e concellos traballando en circunstancias extremadamente adversas e, en moitos casos, en total desamparo. Malia o esforzo heroico de brigadas, veciñanza e persoas voluntarias -a quen queremos agradecer e recoñecer publicamente o seu labor-, a política forestal do PP non está á altura das necesidades dun país co 70% da súa superficie arbórea”.

Así mesmo, o edil considera que “esta vaga de lumes deixa unha lección clara: non podemos seguir como estabamos. A rabia, a dor e a indignación ante unha catástrofe que podería terse evitado deben traducirse en acción política”. Neste senso, o BNG defende “un cambio estrutural e unha estratexia integral sobre o conxunto do territorio que teña como obxectivo evitar que un desastre deste tipo se volva a repetir. Fronte ás políticas fracasadas do pasado, Galiza precisa unha alternativa de futuro para o noso medio rural, un plan que procure a atención inmediata ás persoas afectadas, a recuperación ambiental real, un novo modelo de monte multifuncional, unha prevención estrutural e eficaz, e a revitalización socioeconómica do rural”.

A moción do BNG recolle ata 9 acordos para os que se pedirá o apoio da Corporación barquense. Entre eles figuran a instar a Xunta “á inmediata posta en marcha dun Fondo de Recuperación Económica, Social e Ambiental Xunta-Estado para facer fronte aos danos da vaga de lumes. Este fondo deberá incluír axudas directas de ata 200.000 € para a reconstrución de vivendas e unha achega de ate 6.000 € para autónomos, pequenas e medianas empresas e a economía social, coa mínima burocracia posíbel”, ademais de “urxir á Xunta a pór en marcha un Plan de Emprego Verde de restauración ambiental das áreas afectadas, que se centrará na restauración ecolóxica, a protección da biodiversidade e a recuperación dos solos” instala tamén a “duplicar os fondos de prevención nos dous próximos anos”.

Outro dos acordos recolle pedir “ao goberno galego que impulse a revitalización socioeconómica do rural, promovendo a mellora dos servizos, o incremento do financiamento dos concellos e alternativas produtivas sostibles e que fomenten a mobilización de terras para a produción sustentable de alimentos”.

Back to top button