Con motivo da celebración do 10º aniversario, o Club de Natación Escualos organizou unha travesía a nado conmemorativa que reuniu a socios, ex nadadores e amigos do Club na xornada do sábado 27 de seetembro no Encoro de dos Peares, o escenario natural que serviu como marco perfecto para festexar unha década de paixón pola natación e que ademais foi onde se fundou o club 10 anos antes.
A xornada comezaba ás 11 da mañá cun ambiente festivo, marcado pola presenza de familias, adestradores e simpatizantes que animaron aos participantes. A travesía consistiu nun percorrido de 1300m, adaptado para distintos niveis, o que permitiu que tanto nadadores experimentados como afeccionados puidesen gozar da experiencia que tivo carácter recreativo e simbólico, resaltando o espírito de unidade, esforzo e compañeirismo que caracterizou ao club desde os seus inicios. Ao finalizar, todos os participantes e familias desprazáronse ao lugar onde se celebrou un encontro de convivencia no que se compartiron anécdotas e recordos destes dez anos de historia.


“A travesía e a festa posterior foi un verdadeiro reflexo do camiño percorrido: unha comunidade unida polo deporte, a amizade e o compromiso de seguir crecendo xuntos nos próximos anos”, explican dende o club, asegurando que neste ano tan especial, no que celebranunha década de historia, queren expresar a súa gratitude a todos os que fixeron posible este camiño. “Aos nosos socios fundadores e adestradores, que puxeron a primeira pedra deste soño e marcaron o rumbo co seu esforzo e visión; a todos os nadadores que estiveron no club, que con constancia epaixón deron vida á nosa identidade como club; aos colaboradores, patrocinadores e autoridades locais, por apoiar iniciativas como esta travesía e crer no poder do deporte como motor de unión e crecemento; e aos voluntarios, familias e amigos, cuxa entrega e acompañamento foron un piar fundamental en cada etapa”.
Grazas a todos, este 10º aniversario non foi só unha celebración, senón tamén “unha homenaxe ao compromiso, a amizade e os valores que nos unen dentro e fóra da auga”.
Fotos cedidas.