ConcellosÚltima hora

Os grupos políticos do Barco reuniranse para elaborar unha moción de medidas contra os lumes

Así se acordaba na sesión plenaria deste 2 de outubro, na que resultaba rexeitada a moción sobre esta cuestión que presentaba o BNG

 

Os incendios forestais vividos en Valdeorras neste verán, as súas consecuencias e a necesidade de tomar medidas de cara ao futuro para evitar que se volvan repetir centraba o debate da sesión plenaria celebrada neste 2 de outubro no Barco. O BNG presentaba unha moción neste senso platenxando tamén unha política de prevención e unha xestión integral do medio.

“Antes de nada, cremos que é importartante salientar que o dano causado polo lume, é comarcal e mesmo nacional. A catástrofe medioambiental, social e económica que produciron os incendios afectounos a todos: non se trata, por exemplo, de se no Barco ardeu menos ca na Rúa ou Vilamartin. As consecuencias do lume son comarcais. Xa non só porque veciñas e veciños nosos de Barco teñan pertenzas noutros concellos afectados (casas en San Vicente, por poñer un exemplo) senón porque esa paisaxe cincenta e morta repercútenos a todos: é un ben común”, comezaba dicindo o concelleiro nacionalista Manuel Agra, que defendía a moción.

Ademais Agra incidía en que “o BNG considera absolutamente neglixente a xestión dos incendios por parte da Xunta de Galiza”. A iniciativa nacionalista recollía ata 9 acordos para os que se pedía o apoio da Corporación barquense. Entre eles figuraban a instar a Xunta “á inmediata posta en marcha dun Fondo de Recuperación Económica, Social e Ambiental Xunta-Estado para facer fronte aos danos da vaga de lumes. Este fondo deberá incluír axudas directas de ata 200.000 € para a reconstrución de vivendas e unha achega de ate 6.000 € para autónomos, pequenas e medianas empresas e a economía social, coa mínima burocracia posíbel”, ademais de “urxir á Xunta a pór en marcha un Plan de Emprego Verde de restauración ambiental das áreas afectadas, que se centrará na restauración ecolóxica, a protección da biodiversidade e a recuperación dos solos” instala tamén a “duplicar os fondos de prevención nos dous próximos anos”.

Outro dos acordos era pedir “ao goberno galego que impulse a revitalización socioeconómica do rural, promovendo a mellora dos servizos, o incremento do financiamento dos concellos e alternativas produtivas sostibles e que fomenten a mobilización de terras para a produción sustentable de alimentos”.

A moción non saía adiante ao non lograr o apoio dos outros dous grupos políticos do pleno xa que o PP optaba por absterse e o grupo socialista votaba en contra. Así, a voceira municipal do PP, Maite Estévez, comezaba explicando que o 70% dos incendios que afectaban á provincia eran provocados e que a virulencia dos lumes obrigaba a priorizar a defensa das persoas e das aldeas. Comentaba tamén que agora se está nunha nova fase, na de reconstrución, para a que a Xunta Galicia habilitou numerosas axudas en diferentes apartados. Ademais, ía punto por punto, explicando en cales o seu grupo estaba de acordo e cales non apoiaba. “Imos absternos porque hai puntos que apoiamos pero outro non, por iso non podemos apoiar a moción no seu conxunto”.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, o socialista Aurentino Alonso, anunciaba o voto en contra do seu grupo a esta moción e plantexaba unha reunión entre as tres formacións políticas da Corporación de cara abordar este tema e elaborar unha moción conxunta. “Hai temas que vostedes plantexan nos que estamos de acordo e outros nos que pensabamos non se poden precisar se como é a das cuantías económicas ou o tipo de especies de árbores a plantar, que son temas técnicos. E tamén cremos que faltan cousas, polo tanto, a moción quedaría coxa”.

Tras a correspondente votación, a moción resultaba rexeitada, pero o BNG aceptaba a proposta que lanzaba o alcalde. “Damos por boa a nosa moción porque propiciou que se siga reflexionando sobre os graves incendios que vivimos, o que pasou en Valdeorras foi realmente tráxico. Entón estamos de acordo en facer unha xuntanza para presentar unha moción conxunta”.

Tamén recollía o guante o PP, xa que a súa voceira, Maite Estévez manifestaba que “estamos abertos a a reunirnos para unha moción entre os tres grupos”.

Aprobación definitiva da RPT

A orde do día desta sesión plenaria ordinaria no Barco do 2 de outubro tamén incluía outros puntos na orde do día como era a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello do Barco. O alcalde do Barco explicaba que implicará a subida, no momento no que esta RPT sexa publicada no “boletín correspondente, dun 50% de incrementos retributivos”.

O punto saía adiante cos votos a favor do PSdeG-PSOE e do BNG, mentres que o PP decidía absterse.

 

 

Renuncia de Alfredo García como concelleiro

Outro dos puntos era dar conta da renuncia de Alfredo García Rodríguez como concelleiro da Corporación barquense. O alcalde, Aurentino Alonso, dáballe a palabra García despedíase definitivamente do Concello. “Hoxe é o día no que abandono esta sesión como político, se volvo ao salón será xa como público”, comenzaba dicindo. Ademais aseguraba que “para min foi unha honra dirixir e colaborar dende este salón coa vida dos veciños durante tanto tempo, tamén un pracer e unha gran satisfacción”. E concluía dicindo que “fun mestre por vocación e tamén político por vocación”.

Fotos: A.R.

Back to top button