EconomíaEconomíaÚltima hora

AEVA lanza a “2ª Valdeorras Sostible”, cun concurso de microrrelatos e obradoiros de emprendemento e audiovisual

 

Cargada de novidades chega a segunda edición do programa “Valdeorras Sostible”, que promove a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e que se desenvolverá neste outono. “Tras o éxito de participación do ano pasado, no que implicamos aos centros educativos e deseñouse e realizouse unha bolsa recicable co lema “Valdeorras Sostible. Merca local”, chega esta segunda edición na que contamos coa colaboración do Inorde”, explicaba o presidente de AEVA, Carlos Manuel Terán Búa, que convocaba aos medios esta mañá para presentar o proxecto.

Dous serán os apartados desta segunda edición. Por unha banda, un concurso de microrrelatos co título “Sucedeu nun comercio” co obxectivo de “recoller esas historias que reflexan o que significa e implica o comercio local, de proximidade, de cercanía e de confianza que, é ademais, un punto de encontro para a veciñanza”, explicaba Terán Búa.

O concurso está aberto á cidadanía en xeral e, para poder participar, unicamente se necesita ter 14 ou máis anos e inscribirse a través da páxina web da asociación (www.empresariosdevaldeorras.com). As persoas que presenten traballos poderán optar a tres premios: un primeiro de 300 euros (en tarxeta Valdecash para investir en establecementos asociados) e un segundo e un terceiro de 150 euros en total (tamén de vale de compra). O prazo de presentación comeza este venres e estará aberto ata o 28 de outubro.

 

 

 

Ademais, co texto ganador farase un vídeo promocional a través do taller audiovisual “De cada historia, un spot comercial”, aberto á cidadanía e que se impartir os días 4, 5 e 6 de novembro.

Por outra banda, este programa inclúe o obradoiro de emprendemento “Crear e soster un comercio local”, dirixido ao alumnado de 3º de ESO da zonas, así como ao público en xeral interesado. Terán lugar os días 20 (no Multiusos do Barco) e 21 de outubro (no Centro Cultural Avenida da Rúa).

“Abordaranse cuestións tales como crear un comercio, desenvolvelo e ver a súa viabilidade e futuro…. ademais terán a posibilidade de ecoitar a experiencia real de emprendedores con negocios en Valdeorras”, explicaba o presidente de AEVA.

Terán Búa concluía a súa intervención facendo fincapé na relevancia do comercio local no tecido socioeconómico dunha vila porque “mantén vivas as nosas rúas, ademais de contribuír a fixar poboación e xerar economía circular”. Ao mesmo tempo resaltaba que co programa “Valdeorras Sostible” apóstase por “incentivar a creatividade e a implicación da cidadanía, foméntase o emprendemento e o relevo xeracional. Calquera compra no comercio local é un investimento de futuro do comercio e dunha vila”.

Fotos: A.R.

 

Back to top button