
Ante a posibilidade de que “se estuden medidas que puidesen limitar ou modificar o toque do reloxo e das campás da Parroquia da nosa Señora de Fátima de Fontei”, o Consello Parroquial e o párroco impulsaron unha campaña de recollida de firmas para “solicitar ao Concello o estudo de medidas que protexan esta tradición sonora”.
En menos dunha semana a iniciativa reuniu máis de 1.300 firmas que eran entregadas na mañá deste venres 3 de outubro no Rexistro Xeral do Concello da Rúa, destacando o feito de que esta mobilización non se difundiu nin promoveu a través de redes sociais, “as firmas conseguíronse exclusivamente polo boca a boca e grazas ao traballo voluntario de persoas da comunidade que foron casa por casa recollendo adhesións”, aseguran os organizadores que agradecen a implicación dos fregueses das parroquias da nosa Señora de Fátima de Fontei e de Santo Estevo da Rúa, así como o apoio da Asociación de Veciños de Fontei, da Asociación Sabugueiro; da Asociación de Veciños de Vilela e da Confraría da Virxe de Fátima.

“O repenique das campás e o tañido do reloxo forman parte da nosa memoria colectiva e da vida cotiá do pobo; non se trata só dun son, senón de identidade, tradición e comunidade”, sinala o párroco de Fontei D. Daniel Pérez, aseurando que “respectamos o descanso nocturno xa que o mecanismo automático desconéctase ás 22 horas, pero pedimos ao Concello que estude fórmulas para protexer o seu uso en horario diúrno como manifestación cultural”.
A petición solicita ao Concello que “valore medidas como o recoñecemento do toque como manifestación cultural local, a súa inclusión no catálogo municipal de patrimonio inmaterial e a tramitación de instrumentos normativos ou administrativos que permitan compatibilizar a tradición co benestar veciñal”.

Fotos: Mónica G. Bellver.