
No Consorcio de Turismo Ribeira vén de poñerse fin á edición 2025 do Viñobús Vendima e ábrense reservas para o programa de experiencias de outono “A Caída da Folla 2025”. O Viñobús Vendima converteuse de novo nunha das actividades máis demandadas do xeodestino; aos poucos días de abrir as reservas colgouse o cartel de completo e mesmo se habilitou lista de agarda. Nesta edición participaron 109 persoas con perfís moi diversos: familias con crianzas, parellas e grupos de amigos de todas as idades.
A procedencia foi principalmente galega (A Coruña e Lugo as provincias con máis representación), aínda que tamén houbo visitantes de Alacante, Cidade Real, Navarra, Madrid e mesmo do Brasil.
“Co remate do Viñobús Vendima, apostamos por dar continuidade á oferta turística coa posta en marcha do, tamén clásico, programa de actividades A Caída da Folla, que se estenderá nas fins de semana entre o 11 de outubro e o 9 de novembro”, sinalan dende o Consorcio.
Así, entre as propostas inclúense experiencias de contacto coa natureza como rutas de recollida de cogomelos, baños de bosque, unha ruta musicada entre viñedos ou un curso de orientación en montaña; iniciativas culturais e sensoriais como a creación de xabóns artesanais inspirados no outono, a visita nocturna a un mosteiro con cata maridada ou un percorrido pola minería aurífera no Xeopoarque Montañas do Courel; así como actividades de astroturismo, aproveitando a calidade do ceo nocturno en Ribeira Sacra e o recente estreado Destino Starlight no Monte Faro, Chantada, e outras de turismo activo como paseos en BTT.
A información completa pode consultarse en https://turismo.ribeirasacra.org/acaidadafolla2025 | As reservas abrirán ás 20:00 horas de hoxe, 3 de outubro de 2025.
“Con esta programación, o Consorcio continúa a súa aposta pola desestacionalización do turismo no xeodestino, poñendo en valor os recursos máis aló da tempada alta estival, e consolidar Ribeira Sacra como un destino sostible, vencellado á paisaxe, á cultura e ao benestar”, aseguran dende esta entidade.
Ambos programas de actividades están patrocinados con cargo ao Convenio Xeodestino 2025 coa Axencia de Turismo de Galicia.
Novo récord de ocupación na Ribeira Sacra en setembro
Cos datos recollidos ata o de agora, o destino Ribeira Sacra volve rexistrar un novo récord de ocupación en Ribeira Sacra, pechando setembro con preto de 5.710 prazas diarias ocupadas. En porcentaxe, tradúcese nun 57% de ocupación media (67% nas fins de semana e 51% en días laborais).
A ocupación en setembro consegue superar as previsións que os responsables tiñan a finais de agosto (4.930 prazas).
Para outubro, atópanse reservadas case a metade das prazas (45%). A ocupación para a Ponte do Pilar (traslado do festivo a luns en Andalucía, Aragón, Asturias, Castela e León e Estremadura), sitúase nestes intres nun 67%.