OurenseÚltima hora

O decano do Colexio O. de Arquitectos de Galicia visitará este sábado San Vicente de Leira

O COAG conmemora o Día Mundial da Arquitectura lembrando o traballo dos seus profesionais en prol da sociedade e do territorio galego no peor ano dos incendios

Imaxe da aldea de San Vicente de Leira (Vilamartín), destruída polo lume./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) conmemorará o vindeiro luns, 6 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura, de acordo á convocatoria anual da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) e do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) –efeméride en paralelo co Día Mundial do Hábitat das Nacións Unidas–. Así, o CSCAE elixiu para celebrar esta data o lema “Arquitectura que coida”, poñendo o foco na realidade dos/as arquitectos/as e as Arquitecturas española e galega que proxectan, dirixen as obras ou as rehabilitación que acompañan e coidan á cidadanía. Segundo explica no seu manifesto, a arquitectura que coida é a arquitectura que acompaña ás persoas (e coida delas en vivenda pública; en infraestruturas como hospitais, residencias xeriátricas, museos, bibliotecas, etc.); ademais de protexer e conservar o patrimonio fronte á degradación das contornas urbanas da que advertía a Declaración de Davos en 2018 e protexer a biodiversidade e a sustentabilidade do planeta nun contexto de quecemento global e crises múltiples.

Seguindo coa temática do lema “Arquitectura que coida”, o COAG artellou para esta Semana da Arquitectura unha serie de actividades centradas en lembrar o traballo que os arquitectos e arquitectas realizan sempre en favor da sociedade e do territorio galego nun ano tan complexo no que se viu ameazado polos devastadores incendios, a presión consultiva na costa ou as necesidades de vivenda.

En primeiro lugar, o decano do COAG, Luciano Alfaya, e a presidenta do COAG Ourense, Emma Noriega, visitarán o concello de Vilamartín de Valdeorras, totalmente asolado pola vaga de lumes do verán, este sábado 4 de outubro. Acompañado polo alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, fará un percorrido pola aldea de San Vicente de Leira, queimada na súa totalidade polo lume, ás 11:00 hora

Coa fin de facer firme o seu compromiso coas persoas afectadas polos incendios, o Colexio habilitou fai un mes un fondo de emerxencia para asumir os gastos de visado e rexistro dos traballos de rehabilitación ou obra nova en inmobles afectados; facilitar o labor de inspección técnica nos edificios danados; ofrecer apoio técnico as persoas colexiadas e á cidadanía afectada, para acompañar o proceso de recuperación; e crear unha bolsa de voluntarios/as para os traballos de maior urxencia.

“Estas medidas pretenden ser un xesto útil e inmediato, que complemente as axudas públicas que se convoquen pola Xunta de Galicia e polo Estado, e que alivie, polo menos en parte, a pesada carga que sofren familias, concellos e comunidades que o perderon todo entre as cinzas” –sinala Alfaya–.

 

 

Tamén o vindeiro martes, 7 de outubro, celebrarase a xornada “Galicia. Arquitectura de proximidade” ás 19:00 horas na Casa de Galicia en Madrid (rúa Casado del Alisal, 8), patrocinada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) da Xunta de Galicia e a colaboración do COAG. Intervirán no evento o director da Casa de Galicia, Luis Ramos; o director de XERA, Alfredo Fernández; o decano do Colegio de Arquitectos de Madrid (COAM), Sigfrido Herráez; e o decano do COAG, Luciano Alfaya. Tamén participarán nun coloquio, moderado polo arquitecto Arturo Franco, os profesionais galegos Betsaida Curto, Miguel Ángel Cajigal (El Barroquista), e Elisabeth Abalo e Gonzalo Alonso.

A xornada ofrecerá unha reflexión sobre o emprego dos materiais tradicionais e a innovación industrializada que se está a realizar en Galicia. Alfaya sinala que coa experiencia que supón o uso tradicional da madeira e a pedra, “a arquitectura galega actual está explorando novas formas de uso dos materiais naturais de proximidade”.

A Semana da Arquitectura continuará con actividades nas delegacións do Colexio:

 

Back to top button