CulturaCulturaÚltima hora

Chega a Quiroga a exposición ‘Castelao de “Sempre en Galiza” ao Consello de Galiza 1934-1944’

Poderá visitarse no vestíbulo da Casa da Cultura ata o día 15 de outubro

 

Con motivo da conmemoración do Ano Castelao (75 Aniversario da súa morte), na mañá do venres 3 de outubro chegaba a Quiroga a exposición: ‘Castelao de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza 1934-1944′. Un proxecto divulgativo que mostra a evolución desde a publicación do seu libro ata a fundación do Consello no exilio, exhibindo materiais documentais e bibliográficos e presenta o proceso de redacción do libro e a creación do goberno galego no exilio, do que Castelao foi presidente.

Organizada polas concellerías de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Quiroga, a mostra  conta co patrocinio da Área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, sendo o vicepresidente desta institución, Efrén Castro, quen se encargou da inauguración da exposición, acompañado dos concelleiros Xosé Manuel Fernández e Mayte Pérez.

 

 

Esta exposición, que incluía unha visita teatralizada a cargo do grupo de teatro Os Quinquilláns, exhibe materiais documentais e bibliográficos en oito paneis que resumen o contido da obra máis senlleira do pensamento político de Castelao; e poderá visitarse no vestíbulo da Casa da Cultura ata o día 15 de outubro.

Trala inauguración, no salón de actos da Casa da Cultura representábase a obra Cousas, unha divertida versión da obra de Castelao na que estaban presentes grandes temas do texto orixinal como a ecoloxía, a solidariedade, a emigración ou a xustiza social. A montaxe transita entre a traxedia, a comedia e a farsa co obxectivo de respectar a lingua, a época e o ambiente do Rianxo natal de Castelao. Baixo a dirección e a representación de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, estaba dirixida a un público mozo e adulto, contando co alumnado do IES de Quiroga entre o público.

Fotos: RTMQ

Back to top button