
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) amosaba hoxe a súa solidariedade coa veciñanza de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), arrasada polos lumes forestais de agosto, ao abeiro do Día Mundial da Arquitectura, que se celebra este luns baixo o lema Arquitectura que coida.
Con tal motivo, esta mañá de sábado 4 de outubro, o decano do COAG, Luciano Alfaya, e a presidenta da Delegación colexial de Ourense, Emma Noriega, visitaban os dous barrios que a integran, acompañados polo alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, e polos propios veciños.
Logo da inspección do territorio, Alfaya afirmaba que esta localidade precisa non só un proxecto de desentullo e rehabilitación integral, senón tamén dun plan que poida abordar primeiro o levantamento de toda a cartografía destes espazos. “E tendo isto claro, entón haberá que priorizar as actuacións, o desentullo e o derrubamento das partes máis urxentes e, inmediatamente despois, iniciar a reconstrución”.

O obxectivo final, dicía, é volver a poñer en valor a habitabilidade da aldea, porque hai familias que siguen vivindo aquí. De aí que o Colexio xa habilitara un fondo de emerxencia para asumir os gastos de visado e rexistro dos traballos de rehabilitación ou obra nova en inmobles afectados; facilitar o labor de inspección técnica nos edificios danados; ofrecer apoio técnico ás persoas colexiadas e á cidadanía afectada para acompañar o proceso de recuperación; e crear unha bolsa de voluntarias e voluntarios para os traballos de maior urxencia.
“Hoxe contamos con 170 arquitectos voluntarios. A nosa intención é dar unha resposta rápida nun momento difícil á hora de tomar decisións, onde a seguridade debe primar. Nós facemos un chamamento á cooperación entre todas as Administracións e organismos implicados, axudando activamente na súa coordinación”, explicaba o titular dos arquitectos galegos. “A arquitectura que coida, que coida as persoas, que coida do medio ambiente e que se compromete co territorio é o que defendemos na nosa actividade profesional. Entendimos que este ano tiñamos que achegarnos á xente e escoitar as persoas, é o que vimos facer aquí, a recoller as súas vivencias e necesidades e ver como podemos axudar”, engadía.

Emma Noriega, pola súa parte, animaba a outros concellos da provincia de Ourense, igualmente danados polas lapas, a solicitar a axuda e o asesoramento colexial. E precisou que, dos 170 arquitectos voluntarios que se anotaron a colaborar con esta acción solidaria, 50 son da provincia de Ourense.

Finalmente, o rexedor de Vilamartín, que agradeceu a colaboración do Colexio de Arquitectos, tamén fixo fincapé na seguridade como necesidade máis urxente. “Necesidades témolas todas, necesidades imperiosas que á vista están. Pero a inseguridade na que se atopa a veciñanza é o máis urxente, porque estas casas ameazan con caer en calquera momento. E do Colexio de Arquitectos queremos o seu asesoramento profesional para que se nos digan cales son os pasos a seguir. E sería moi desexable que, entre todas as Administracións, poidamos facer canto antes un convenio para levar adiante todo este proxecto técnico, previo á propia reconstrución”, sinalaba.
