CulturaCulturaÚltima hora

Gran acollida da 1ª Mostra Etno-Audiovisual dos Bens do Entroido, en Toén

 

No Centro de Interpretación do Entroido de Mugares, no municipio de Toén, desenvolvíase neste sábado 4 de outubro a 1ª Mostra Etno-Audiovisual dos Bens do Entroido (MEABE), converténdose no epicentro do audiovisual vinculado a esta tradición. “A sala encheuse por completo, cubrindo a súa capacidade máxima, nun ambiente próximo, festivo e cheo de emoción”, segundo destaca a organización, que considera “un gran éxito” a acollida desta proposta.

A xornada comezaba cunha benvida en clave de humor, que puxo en sintonía a organización e o público. Proxectáronse sete obras audiovisuais que mostraron a diversidade creativa arredor do Entroido: documentais, curtas e videoclips que puxeron en valor tanto a tradición como a súa reinterpretación contemporánea.

No ecuador do programa fíxose unha pausa de convivencia que permitiu compartir unha merenda con produtos típicos e uns viños do Ribeiro grazas á colaboración da Bodega Gandarela, á que a organización agradeceu expresamente o seu apoio.

O momento máis emotivo chegou co peche da mostra: a proxección “Homenaxe a Lola”, obra realizada pola Asociación Cultural Entroido de Mugares en lembranza dunha das súas socias honoríficas e gran impulsora da recuperación da festa. O seu recente pasamento fixo que a emoción compartida enchera a sala, converténdose nun dos instantes máis intensos da xornada.

A organización tamén agradeceu ao Concello de Toén o seu respaldo, grazas ao cal foi posible dotar o espazo do material necesario para facer realidade esta iniciativa. Grazas a ese apoio, Mugares acolleu un fito cultural: a primeira mostra audiovisual adicada ao Entroido en toda a Península Ibérica, un dato constatado polos estudos existentes.

Esta primeira edición do MEABE estivo centrada nas obras galegas e en lingua galega, porque —segundo explicou a organización— “o inicio debía servir para dar visibilidade ao material creado na nosa terra, e que mellor escaparate que un lugar onde o Entroido tradicional segue vivo, como Mugares”.

Co éxito desta primeira convocatoria, o MEABE consolídase como un novo espazo de encontro entre tradición, creación audiovisual e comunidade, abrindo camiño a futuras edicións que seguirán proxectando o Entroido máis aló das pantallas.

Trátase dunha mostra audiovisual anual, organizada pola Asociación Cultural Entroido de Mugares co patrocinio do Concello de Toén e coa colaboración de Adega Gandarela.

Fotos: Asociación Cultural Entroido de Mugares.

Back to top button