Destacada actuación da Selección Galega no Campionato de España por Seleccións Autonómicas que se desenvolvía ao longo desta fin de semana en La Nucía, Alacante. Especialmente salientable é o podio do conxunto galego masculino, do que formaba parte o marchador valdeorrés Mateo Valcarce, que lograba un terceiro posto. Tan só eran superados por Castela e León e Andalucía.

“O combinado galego, que na primeira xornada remataba líder, foi capaz de amarrar no día de hoxe a posición de podio”, resalta a Federación Galega de Atletismo (FGA).
Pola súa banda, a Selección Galega feminina, con dúas representantes valdeorresas (a marchadora Paula Cela e a velocista Tania Peláez) lograba un meritorio sétimo posto.
Fotos: cedidas e FGA.
