
O Servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Ourense está a desenvolver a aplicación “Neurasvi”, un asistente virtual baseado intelixencia artificial, que facilita o diagnóstico do deterioro cognitivo amnésico, a fase inicial máis común do Alzheimer, co obxectivo de permitir unha detección máis rápida, precisa e accesible a través de probas interactivas de memoria.
A iniciativa foi finalista- entre os 49 proxectos presentados na súa categoría- nos V Premios de Innovación en Saúde do sistema público de Galicia, no que tamén destacou outra proposta ourensá: a da Asociación de Dano Cerebral de Ourense RENACER, que recibíu o primeiro premio na modalidade de iniciativas de pacientes, nas que competían 23 propostas para desenvolver solucións innovadoras e creativas, que repercutan de forma directa na calidade asistencial, provenintes de toda Galicia.
O proxecto de RENACER “Mellora da transición cara a fase post-hospitalaria das familias con dano cerebral”, complementa a atención ás familias despois da fase de hospitalización, apoiando a súa recuperación.
Detección precoz da fase inicial do Alzheimer
A aplicación NEURASVI, que se está a desenvolver desde Ourense, permite unha detección máis rápida, precisa e accesible da fase inicial do Alzheimer, a través de probas interactivas de memoria, facilitando así o traballo do persoal sanitario, para a detección temperá desta condición. Un proxecto innovador que pon a tecnoloxía ao servizo da saúde cognitiva.
A enfermidade de Alzheimer é unha das principais preocupacións de saúde pública, nunha sociedade cada vez máis envellecida. Galicia, cunha poboación especialmente maior e dispersa, enfróntase ao reto de ofrecer atención especializada en zonas onde non é posible dispoñer de especialistas en neuroloxía. Neste marco xurde Neurasvi: un asistente virtual baseado en intelixencia artificial (IA) que pretende servir de ferramenta eficaz para axudar aos médicos de atención primaria a identificar posibles casos de Alzheimer, a partir da historia clínica do paciente, a información do coidador, probas de memoria, imaxes cerebrais e biomarcadores no sangue.
O proxecto, actualmente en fase de deseño, está a ser desenvolvido en colaboración coa Escola Superior de Inxeñería Informática do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coa que o Hospital Universitario ten xa unha consolidada colaboración desde as áreas de medicina preventiva, dixestivo, neuroloxía e nefroloxía.

Extensa e premiada colaboración hospital-campus
A colaboración hospital-universidade ten xa unha dilatada, e fructifera, traxectorio coa creación de programas de uso sanitario multipremiados, que se estenden con éxito fora de Galicia como:InnoCBR de detección de infeccións nosocomiais; PolyDeep: Sistema intelixente de detección e clasificación en tempo real de lesións colorrectais mediante deep learning; tamén en dixestivo PolyPrev; e máis recentemente CefaleAPP unha aplicación de axuda para o diagnóstico da migraña desde atención primaria, na que tamén colaborou Neuroloxía.
De feito CefaleApp obtivo o segundo posto nos premios de neurotecnoloxía da última Reunión Anual da Sociedade Española de Neuroloxía, celebrada o pasado mes de Novembro en Valencia.
Desde a Escola de Enxeñería Informática esperan contar cun prototipo de Neurasvi nun prazo dun ano. A aplicación está a ser programada en Python e inspirase precisamente na experiencia previa coa aplicación CefaleAPP, xa dispoñible nas plataformas de descarga para android.
Entre os beneficios esperados da aplicación, o xefe de servizo de neuroloxía, Daniel Apolinar Estevez, destacou na súa defensa deste proxecto innovador “a mellora da detección temperá, a redución das listas de agarda, a optimización das derivacións a neuroloxía e a posibilidade de seguimento telemático dos pacientes”.