
Axentes da Policía Nacional procedían o 30 de setembro á detención en Ourense dun individuo como presunto autor de cinco delitos de roubo con forza, levados a cabo en distintas zonas da cidade, todas elas utilizando o mesmo “modus operandi”.
“O inicio da investigación remóntase ao día 10 de setembro onde se producen os dous primeiros feitos que orixinan a investigación. Os tres seguintes delitos de roubo con forza prodúcense en días sucesivos. O autor dos feitos actúa sempre de madrugada, fóra do horario de apertura ao público e utiliza o mesmo método para forzar o acceso aos establecementos consistente en violentar as persianas de acceso. Unha vez no interior, forza a caixa rexistradora e subtrae efectos de distinta consideración”, explica a Policía Nacional.
A Policía Nacional investígao por outros seis delitos de similares características cometidos na localidade luguesa de Monforte de Lemos.
Unha vez analizado o “modus operandi” empregado en todos os sinistros e realizadas as investigacións, púidose determinar a autoría dos mesmos, e o pasado 30 de setembro procedeuse á súa detención e finalizadas todas as xestións e dilixencias tendentes ao esclarecemento dos feitos, é posto ao dispor xudicial o cal decreta o seu ingreso en prisión.