Valdeorras contará cun Plan de Actuación Integrada (PAI) con financiamento europeo que beneficiará aos nove concellos da comarca. Así o explicaban os represantes municipais de boa parte dos concellos valdeorreses nunha rolda de prensa que se celebraba esta mañá no Barco.
O plan de Valdeorras, liderado polo Barco, figura na resolución da Dirección Xeral de Fondos Europeos sobre a convocatoria de axudas do Plan EDIL, enmarcadas no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) correspondente ao período 2021-2027 e destinadas ás Entidades Locais, que se publicaba no BOE o pasado venres 3 de outubro.

Este proxecto logra unha axuda FEDER de 4.365.152 euros cunha taxa de cofinanciamento do 60%, polo que investimento público correspondente sería de 7.275.253 euros. “A diferenza restante ata completar o total sería aportada entre a Deputación e os concellos”, segundo explicaba o alcalde do Barco, Aurentino Alonso.
Agora os concellos terán que reunirse para comprobar que actuacións hai que reaxustar ou mesmo se algunha tería quedar fóra. Tamén intentarán buscar financiamento para aquela parte económica que teñen que asumir os concellos.


O proxecto desenvolverase ao longo de catro anualidades, con actuacións previstas ata 2029 e destinadas a mellorar o desenvolvemento económico, turístico, cultural, social e enerxético da comarca. “Este é un proxecto comarcal con tres apartados: “Coopera Valdeorras”, que aposta pola cooperación supramunicipal; “Valdeorras cohesionado”, para a mellora da calidade de vida da cidadanía e da súa mobilidade; “Valdeorras Sostible”, cunha especial atención á conservación do medio, ligada á auga e tamén o patrimonio”, explicaba o rexedor barquense.
Na presentación tamén tomaba a palabra a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e deputada provincial, María Carmen González, quen destacou o apoio da Deputación de Ourense, que foi a entidade solicitante da axuda, e que tamén se compromete a aportar financiamento para o desenvolvemento do plan e da tramitación técnica e administrativa do mesmo. Ademais lembraba que o punto de partida deste plan era a Axenda Urbana do Barco. “Este proxecto supón un traballo tremendo como comarca e como concellos, temos que poñernos as piltas co tema técnico e administrativo, e contamos co apoio da Deputación”, dicía.
Tamén o alcalde da Veiga, Juan Anta, aludía ao “‘papel determinante da Deputación de Ourense” neste proceso “tanto no financiamento como na parte técnica” e agradecía ao Concello do Barco que “fixo ese punto de partida”. Así mesmo resaltaba que case todos os proxectos do plan “teñen unha repercusión comarcal”.

Catro proxectos beneficiados na provincia
Na provincia de Ourense hai catro plans beneficiados con 22 millóns de euros de fondos europeos. Na categoría de cidades grandes está o Concello de Ourense, cunha senda FEDER asignada de 8.730.304 euros.
Na categoría de áreas funcionais figuran tres asociacións de Concellos. Dúas delas teñen por entidade solicitante á Deputación de Ourense e obteñen cada unha 4.365.152 euros. Unha está liderada por Barbadás e inclúe a San Cibrao das Viñas e O Pereiro de Aguiar. A outra é a xa citada, encabezada polo Barco de Valdeorras, aglutina aos municipios de A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, O Bolo, Petín e Rubiá. Tamén obtivo 4.365.152 euros a asociación composta por Verín, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Laza, Vilardevós, Castrelo de Val, A Mezquita, Riós e A Gudiña.
O papel da Deputación de Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, poñía en valor esta mañá nun encontro cos medios en Ourense a captación de fondos europeos por parte da Deputación, que co PAI de Valdeorras e Ourense Sur, alcanzan 27,9 millóns neste mandato, case un terzo do orzamento actual
É “o proxecto máis grande que vai xestionar a Deputación con fondos europeos”, dicía referíndose aos Plans de Desenvolvemento Sostible dos nove concellos da comarca de Valdeorras e da área funcional Ourense Sur, integrada polos municipios de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Barbadás.
Precisamente, Menor quixo salientar neste aspecto o intenso traballo levado a cabo pola institución provincial para lograr “un obxectivo tan estratéxico como é o da captación de fondos europeos”, cifrando en 27,9 millóns de euros a cantidade total de recursos obtidos pola Deputación no presente mandato. “Este traballo, o cal quero recoñecer desde aquí, acredita a boa xestión que se está a levar a cabo”, recalcando que con estes fondos estase alcanzando case un terzo do orzamento actual anual que ten a Deputación (105 millóns de euros), “aumentando así os recursos destinados a axudar aos concellos da provincia”, remarcou Menor.

Menor anunciou tamén que plans financiados pola Unión Europea serán presentados polo miúdo nos seus respectivos territorios, avanzando que, no caso de Valdeorras, o proxecto ten carácter comarcal e buscará reforzar a cohesión social, impulsar a diversificación económica e mellorar a sustentabilidade ambiental. No que atinxe ao da área funcional de Ourense Sur, o obxectivo primordial é transformar esta zona tan dinámica nun territorio máis sostible, conectado e con mellor calidade de vida.
Fotos: Carlos G. Hervella.