
Esta mañá vén de presentarse na provincia a campaña especial impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) para reducir as distraccións ao volante, que comezou o luns 6 de outubro e se estenderá ata o domingo. No acto estaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañado do xefe provincial de Tráfico, David Llorente; da subxefa provincial, Andrea Conde, e do tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense Eloy Silvarino. Santos visitou un control esta mañá no municipio de Coles, na N-525, onde fixo un chamamento á concienciación e sostivo que “cada vez que un condutor decide manipular un dispositivo e non atender aos mandos do vehículo pon en perigo a súa vida e as de outras persoas”. E advertiu da gravidade das distraccións ao volante, que son desde 2017 a primeira causa concorrente máis frecuente en sinistros de tráfico nas vías de circulación.
Esta campaña nacional de vixilancia non só se leva a cabo nas estradas, coa Agrupación de Tráfico da Garda Civil, senón tamén nas vías urbanas dos Concellos con Policía Local que se sumen á campaña. No caso da provincia participan os corpos municipais de Ourense, O Barco, Celanova, Xinzo de Limia e A Pobra de Trives. “A distracción ao volante está presente en moitos comportamentos inadecuados, como non atender á circulación, mirar documentación, manipular o GPS ou outros dispositivos electrónicos mentres conducimos”, apuntaba Santos.
Neste sentido, Eladio Santos revelou que no que vai de ano xa se detraeron 2.426 puntos por usar o dispositivo móbil na provincia de Ourense. “Con independencia das sancións, hai que facer pedagoxía, porque o uso do teléfono mentres se conduce provoca unha distracción e un risco similar a conducir baixo os efectos do alcohol ou as drogas”, remarcou.

O subdelegado apuntou que na actualidade a sanción por suxeitar o móbil e conducir supón unha penalización de 6 puntos do carné e o pago dunha multa de 200 euros e noutros supostos de uso de móbil retíranse 3 puntos. “Coa cantidade inxente de animais salvaxes que temos debemos estar sempre atentos á condución, suxeitar sempre o volante con ambas mans para intentar evitar a colisión en primeiro lugar e, se non podemos, evitar dar un volantazo que pode ter consecuencias fatais”, sinalou.
Campaña do ano pasado
Na mesma campaña de distraccións ao volante do ano pasado, celebrada entre o 7 e o 13 de outubro, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlaron a 13.542 vehículos nas estradas da provincia de Ourense, con 217 persoas denunciadas.