AEVA celebrará o próximo 13 de outubro, de 16:00 a 18:00 horas, unha xornada formativa dirixida ás empresas dos sectores da construción e o transporte, na que se abordarán os aspectos normativos e prácticos do rexistro horario e da prevención de riscos laborais (PRL).
O encontro, que se desenvolverá na Academia Cix no Barco, enmárcase na VII edición do programa AEVA Emprégate, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e desenvolverase nas instalacións de cix formación e consultoría. A sesión, baixo o título “Rexistro horario e prevención de riscos laborais en construción e transporte”, pretende ofrecer unha visión actualizada sobre as obrigacións legais das empresas en materia de control horario e seguridade laboral, así como ferramentas tecnolóxicas que faciliten unha xestión eficaz e segura.

A xornada contará coa participación de Jorge Cebreiros Arce, socio director de CheckJC, e Marcos Fernández González, especialista en Prevención de Riscos Laborais en SLG, quen achegará unha visión técnica e práctica baseada na súa experiencia no ámbito da consultoría e a xestión empresarial.
Con esta actividade, AEVA busca reforzar o coñecemento das empresas locais sobre as súas obrigacións en materia laboral e de prevención, promovendo ao mesmo tempo unha cultura de cumprimento normativo e seguridade no traballo.
Está aberta a todas as empresas interesadas en mellorar a súa xestión interna e adaptarse á normativa vixente en materia laboral e de seguridade. A participación é libre e gratuíta para todas as empresas asociadas, previa inscrición obrigatoria a través da páxina web de AEVA.