Esta mañá veñen de presentarse no Pazo de San Roque, en Santiago, as bases do “IV Premio de Novela da Galicia Rural”, que promove o Concello de San Xoán de Río. Para poder particiar no certame, as obras deben ter unha extensión mínima de 150.000 caracteres e máxima de 300.000 caracteres, teñen que ser presentadas en formato PDF nunha memoria USB con título e lema. Ademais, enviaranse nun sobre pechado á sede do Concello de San Xoán de Río antes do 15 de xaneiro de 2026.
O ditame do xurado, formado por cinco persoas pertencentes ao ámbito da crítica, a escrita, o ensino e o estudo da lingua galega, farase público no mes de marzo de 2026 e establécese un único premio dotado con 3.000 euros. O acto de presentación contaba coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a potencialidade deste certame “para promover a visibilidade do mundo rural galego e reflexionar sobre a súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros a través da creación literaria”. Neste senso, as novelas presentadas deben situar a súa trama na Galicia rural ou concederlle a esta un protagonismo relevante na narración, ademais de estar escritas en lingua galega.
Tamén destacou o carácter universal da convocatoria “que vai dirixida tanto a autores xa consagrados como a novos talentos da literatura que, coas súas novelas queiran poñer en contacto aos lectores co presente, o pasado e o futuro do rural galego”. Neste senso, reafirmou o compromiso do Goberno Galego coa defensa da lingua galega e a promoción das actividades culturais no ámbito local.