
O Clúster da Pizarra de Galicia e a Federación Nacional de la Pizarra adoptaban esta mañá senllos acordos para que os damnificados pola vaga de incendios forestais que asolaban comarcas de Valdeorras e do Bierzo, o pasado mes de agosto, poidan beneficiarse dun 40% de desconto no prezo da lousa que adquiran para a reconstrución das súas casas.
Por unanimidade dos membros de ambas xuntas directivas, adoptábanse esta mañá os respectivos acordos, en dependencias do Clúster. Serán as alcaldías dos diferentes concellos afectados, as que comunicarán ao Clúster ou á federación, que a vivenda que se pretende reconstruír ten sido afectada polos citados lumes, xa que para ser beneficiario das axudas, cada propietario deberá presentar á Xunta de Galicia ou á Xunta de Castela e León, un proxecto para a reconstrución da súa vivenda.
“Desde o Clúster non somos alleos ao que ocorreu cos lumes, e iso implica axudar a que a xente poida reconstruír as súas vivendas”, asegura Eliseo López, presidente de ambas entidades empresariais, á saída da reunión.
Ademais apuntaba que moitas das empresas que forman parte do Clúster implicáronse desde o principio, “participando na extinción dos lumes coa achega de maquinaria e efectivos”, porque “nos sentimos na obriga de contribuír”.
