O devastador incendio que devorou a comarca de Valdeorras o pasado mes de agosto, con cuantiosas perdas (naturais pero tamén económicas), desencadeu unha onda de solidariedade e voluntariado que non parece ter fin.
Unha mostra, coa música como base, era o festival solidario Auga Fest organizado por un grupo de veciños da comarca que se celebraba na tardiña deste venres 10 de outubro no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco, en beneficio dos damnificados.
Non enchían pero o teatro acollía numeroso público que desfrutaba do cartel que abría Abertal, a escola de música e baile tradicional da Rúa fundada por Manuel Durán. Despois subían ao escenario o Orfeón Valdeorrés e Denbora Kolpeka, grupo chegado dende Euskadi, que pechaba o acto actuando só e tamén co acompañamento de dous membros de Abertal, Carmen e Manolo. E entre medias Guti González que entretiña aos asistentes co seu espectáculo de mimo.
Os ingresos obtidos tanto nas entradas como na Fila Cero, que permanecerá aberta durante dúas semanas serán en Mi Mamá Me Mima (A Rúa) e Exclusivo (O Barco) “serán doados a través dunha ONG ás persoas que perderon os seus fogares”, asegura Cristian López dende a organización, adiantando que están preparando outro evento máis grande do que informarán proximamente.


Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver e cedidos.