EconomíaEconomíaÚltima hora

Unha xornada aborda en Petín o desenvolvemento dende o rural

 

Ao longo de dous días Petín acollía unhas Xornadas de Desenvolvemento dende o Rural”, promovidas polo Concello. A clausura do programa tiña lugar neste mediodía da man do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

Con esta iniciativa buscábase “prender unha mecha para empezar a facer cousas en Petín, pero abertos a toda a comarca. O obxectivo era aprender de iniciativas de fóra, ver que experiencias de éxito hai, que nos podían aportar, que base científica hai, que motivacións e demais e tratar de replicalo aquí, copiar directamente o que hai”, explica o coordinador do encontro, Domingo Díaz.

Ademais, continuaba, “a partir de aquí preténdese crear un grupo de traballo para ver como o podemos facer, como podemos colaborar, que iniciativas se poden poñer en marcha. E iso é a verdade que tivo moi boa acollida. Agora témonos que xuntar un día e ver que capacidades temos e que podemos facer. Dende ese punto de vista estou gratamente sorprendido pola participación e pola demanda”.

 

 

O programa das xornadas abríase na mañá do venres 10 de outubro na Casa do Concello de Petín, contando con relatores como José Manuel Iglesias, da Comunidade de Montes do Carballo Friol, e de Alfonso Polvorinos, que falaba dos destinos turísticos sostibles.

Xa pola tarde, interviñan Jaime Izquierdo Vallina que abordaba na súa intervención “unha nova economía para a aldea do século XXI” e logo tiña lugar unha mesa redonda sobre a igualdade e a diversidade no rural.

Finalmente, neste 11 de outubro as conferencias corrían a cargo da alcaldesa de Allariz, Cristina Cidi, que falaba do modelo de xestión deste municipio; de Chusa Expósito, socia da cooperativa Milhulloa, e de Lara Capeáns, directora de Lumareda.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button