ConcellosO BoloÚltima hora

Luis Menor: “É o momento de poñer en valor o Santuario das Ermidas, é unha das xoias do Barroco”

O presidente da Deputación de Ourense iniciaba esta mañá nas Ermidas (O Bolo) unha intensa visita pola comarca de Valdeorras

 

Ata o Santuario das Ermidas (O Bolo) trasladábase esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen percorría este conxunto relixioso e coñecía a súa historia, evolución e o momento actual polo que pasa. Alí abría unha axenda intensa na comarca de Valdeorras, que continuaba no Barco. O alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, recibía a Menor, e agradecía a súa visita e o feito de que esta entidade provincial faga investimentos no seu municipio, “iso é bo”, ademais de amosar a súa confianza de que cheguen novos proxectos.

 

 

Nesta visita tamén estaba acompañado pola deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González, así como por outros membros da Corporación bolesa, polo guía custodio do Santuario e polo administrador diocesano da Diócese de Astorga, Francisco Javier Gay Alcain, quen resaltaba que este conxunto posúe “un templo cun valor relixioso incrible e cun valor cultural impresionante, polo seu valor artístico e polo enclave natural na que se atopa, unir a fe e a cultura é moi relevante”.

 

 

 

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, manfiestaba que “é o momento de poñer en valor este enclave tanto dende o punto de vista relixioso, como cultural e histórico. Trátase verdadeiramente dunha das xoias do Barroco, por este santuario pasan anualmente unhas 8.000 persoas, o que reflexa a súa mportancia como recurso turístico nesta zona. E agradezo moito as explicacións que se nos deron sobre a historia e o que significa e tamén sobre o que se está facendo”.

Así mesmo, Menor incidía en que “diferentes administracións estamos confluíndo en apoiar, en recuperar, este santuario, en axudar a mantelo, xa que é moita tarefa para a Igrexa, e este é un santuario que trascende á comarca. Coñecemos a súa historia, apoiamos a súa recuperación e tamén quero centrarme nese labor social e caritativo que se fai aquí. Para min supuxo tamén un descubrimento de como se pode facer política social doutro xeito. É esa política social, esa axuda a persoas desfavorecidas e vulnerables, que buscan aquí un refuxio e aquí o teñen, esa gran familia. Este uspón un exemplo claro de servizo e de apoio por parte da Deputación”.

 

 

Nesa liña, o presidente provincial comprometía o apoio da Deputación “tanto á restauración cultural e monumental, como aos servizos que se prestan dende a mesma, e tamén a ese labor social e de caridade, de axudar a quen o necesita. E aí tamén nós podemos chegar como Deputación con esas axudas puntuais que poden complementar este servizo. Viremos ao Bolo, seguiremos vindo e a toda a comarca”, concluía.

Fotos: Carlos G. Hevella.

 

Back to top button