
O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole vén de participar no “XVIII Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos” celebrado en Évora (Portugal) baixo o lema “Novos Mundos Imersivos”. O evento estivo organizado polo Parque do Alentejo de Ciência e Tecnologia, a rede portuguesa TecParques e a Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE). Durante tres días reuniu a representantes de parques, institucións e empresas de ámbolos dous países para impulsar a colaboración transfronteiriza en innovación e desenvolvemento tecnolóxico.
No encontro participou o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, quen sinala que “esta experiencia sérvenos para coñecer proxectos e tendencias que marcarán o futuro dos parques como as tecnoloxías inmersivas, a intelixencia artificial, a robótica ou a realidade virtual, que están a transformar sectores clave. Pero tamén se pon de relevo o interese pola innovación sustentable e o valor dos parques como ferramentas esenciais para impulsar os ecosistemas de innovación a escala global”.

No transcurso do evento anunciouse que a próxima edición de 2026, o “XIX Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos”, será organizada en España pola Tecnópole situada en Ourense e versará sobre “Seguridade, Defensa e Aeroespazo”.
A Tecnópole non é anfitrión de encontros de APTE desde 2017, ano no que acolleu unha Asemblea xeral da Asociación. A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, salienta que “é unha oportunidade magnífica para que a nosa comunidade se convirta en foco de atención dos principais parques científicos e tecnolóxicos de España e Portugal. Ademais de compartir experiencias, será unha panca para impulsar proxectos conxuntos e explorar novas oportunidades, contribuíndo ao progreso tecnolóxico e ao desenvolvemento económico”.

O encontro deste ano concluíu coa sinatura do Manifesto de Évora, un compromiso conxunto da rede de parques española e portuguesa para avanzar na construción dos parques científicos e tecnolóxicos do futuro: parques innovadores, verdes, intelixentes, centrados nas persoas e abertos ao mundo.