
O presidente provincial, Luis Menor, reuníase neste luns co presidente da Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA), Carlos Manuel Terán Búa, que asumiu o cargo o pasado mes de xuño tras os oito anos de mandato de Araceli Fernández e coa xerente da entidade, Teresa García. Na xuntanza tamén estaba a deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González.
No marco da xornada de traballo en Valdeorras, Menor poñía en valor o papel destacado desta asociación no tecido económico valdeorrés e o “dinamismo e a representación” da propia comarca e deulle os parabéns a Terán Búa polo seu traballo á fronte de AEVA.

O presidente provincial engadiu que dende a Deputación “intensificará a súa colaboración coa asociación e promoveremos que máis administracións colaboren para seguir creando emprego e riqueza e aproveitando as potencialidades de Valdeorras. AEVA é unha asociación moi dinámica e representativa e é un interlocutor moi válido para entender as necesidades e demandas da comarca”.
Na reunión analizouse toda a actividade que AEVA leva a cabo na defensa dos intereses dos empresarios da comarca, quedando de manifesto a ampla implantación que ten en Valdeorras, con máis de 200 asociados pertencentes a unha ducia de sectores diferentes, abarcando practicamente todos os ámbitos da actividade empresarial, como son a lousa, o comercio e a hostalería, entre outros.
Pola súa banda, o presidente de AEVA, agradecía o encontro e comentaba que nel lle expoñían a Menor a actividade desenvolvida nos últimos meses dende a entidade así como os plans e proxectos de futuro da mesma, en eidos como a formación das empresas.
Fotos: Carlos G. Hervella.