
A Pobra de Trives celebrará este mércores, 15 de outubro, o Día Internacional da Muller Rural cun evento que quere visibilizar o papel esencial das mulleres no desenvolvemento social, cultural e económico do territorio. Baixo o lema “Rachando estereotipos da muller rural”, a cita terá lugar ás 16:30 horas no Auditorio Xulio Vázquez e promete ser “unha xornada de inspiración, emoción e recoñecemento”, segundo o Concello.
A iniciativa, promovida polo Concello da Pobra de Trives a través do Centro de Información á Muller (CIM) e co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, reunirá tres mulleres referentes nos seus ámbitos profesionais: Elisa, consultora financeira; Hanan, coach terapéutica; e Nuria, bióloga e escritora. As tres compartirán as súas experiencias e reflexións arredor do papel da muller no rural, demostrando que este espazo é tamén sinónimo de talento, emprendemento e creatividade.
Durante o acto presentarase o libro “Momento estelar”, unha colección de entrevistas a mulleres que deixan pegada coa súa historia, forza e talento. A través das súas voces, o público poderá coñecer exemplos reais de superación e compromiso coa comunidade. Ademais, a xornada incluirá lecturas, interpretacións e unha pequena petiscada final para favorecer o encontro e o diálogo entre as asistentes.
Desde o Concello de Trives destacan que o obxectivo é “celebrar o talento, a forza e a creatividade das mulleres rurais, que cada día constrúen comunidade e futuro dende o seu traballo e compromiso”.
Con esta actividade, Trives súmase á celebración internacional do Día da Muller Rural, lembrando que a igualdade e o desenvolvemento pasan necesariamente por recoñecer e poñer en valor o papel das mulleres que fan grande o rural galego.