O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, recibiu hoxe ao alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, a quen felicitou pola recente declaración como Festa de Interese Turístico Nacional do Entroido do seu municipio. “Este título concedido pola Secretaría de Estado de Turismo suporá un revulsivo para o oriente ourensán”, remarcou o subdelegado.
Neste primeiro encontro institucional, mantido na Subdelegación do Goberno, tamén abordaron o proxecto de divulgación e memorialización da Fosa de Viana do Bolo, grazas aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática á Xunta. “No marco do 50º aniversario da morte de Franco, esta acción adquire unha relevancia histórica indiscutible, xa que o Goberno está comprometido coa xustiza e a reparación, piares fundamentais da democracia”, destacou Eladio Santos.
Finalmente, o subdelegado celebrou que Viana do Bolo sexa un dos municipios presentes na programación da VIII edición do Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Na sesión proxectarase a película ‘Deuses de pedra’ o próximo xoves, 16 de outubro, ás 11.30 horas na Casa da Cultura.