
A Asociación Terra en Pé vén de remitir un escrito aos concellos da comarca de Valdeorras demandando a realización, por parte das diferentes administracións, dunha serie de “medidas urxentes e proporcionais á magnitude da desfeita” para paliar as posibles consecuencias derivadas “da catástrofe medioambiental e humana acontecida a consecuencia da vaga de lumes forestais que asolaron a nosa terra”.
Neste senso, a asociación alerta no seu escrito da “inminente posibilidade de escorrentías e desprazamentos de chan que poderían facer aínda máis grave, se cabe, a catástrofe. As contornas queimadas nos concellos de Vilamartín, O Barco e A Rúa principalmente, aínda que non as únicas, cunhas superficies de masa forestal inmensa e cun desnivel orográfico moi pronunciado de ben seguro sufrirán estes corrementos cara os leitos dos ríos, como o Leira, Mariñán, etc. Estes corrementos poderían, e seguro que así o farán, provocar atranques e posibilidades de sobrevindas de materias orgánicas causando moitos e graves danos a núcleos poboacionais e ao río Sil, que tería un dano biolóxico brutal”.
Por iso a asociación insta aos Concellos a que “reclamen ás institucións competentes que tomen medidas preventivas xa”. E pide “seguir traballando todos unidos por encima de siglas políticas para mellorar a nosa comarca”.
En concreto, Terra en Pé, pide un estudo “do Ministerio de Medio Ambiente, rigoroso e exhaustivo do dano medioambiental acontecido”, xunto cun “plan de recuperación medioambiental con partidas orzamentarias para o mesmo”. Por outra banda, á Xunta de Galicia demándanlle un “plan real de fixación de solos queimados, corta e extracción de árbores e liñas de axudas ás Comunidades de Montes. Así tamén, un paro biolóxico na actividade cinexética que permita aos animais recuperar poboación e territorio”.
Así mesmo Terra en Pé pide, á Deputación de Ourense, “a captación e canalización de fondos cara os concellos, que axuden a recuperar as zonas queimadas e dinamización económica”; e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, “traballos de prevención e recuperación de fauna nos leitos dos ríos”.
Finalmente, no seu escrito pídenlle aos Concellos que se elaboren plans de emerxencia ou incluso de evacuación se fose o caso.