
No marco da celebración en toda Europa dos Erasmus Days (13-18 de outubro), os centros de Formación Profesional da cidade de Ourense (CIFP A Farixa, CIFP A Carballeira, CIFP Portovello e IES 12 de Outubro) abren a convocatoria de axudas para mobilidades internacionais do alumnado e profesorado, dentro do programa Erasmus+.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 23 de outubro de 2025. “Grazas a esta iniciativa, preto de 60 estudantes poderán realizar prácticas en empresas e entidades de distintos países europeos, mentres que 20 docentes participarán en actividades de formación e intercambio de boas prácticas”, indican dende a organización.
Estas mobilidades son posibles grazas ao financiamento da Unión Europea e á coordinación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta, que aposta pola internacionalización como ferramenta para mellorar a empregabilidade e a calidade educativa. A FP tamén é Europa. “Erasmus+ abre portas a novas culturas, competencias profesionais e valores europeos”, destacan desde a organización.
Con esta convocatoria, Ourense súmase á celebración europea dos Erasmus Days, poñendo en valor que “a Formación Profesional tamén conta con oportunidades de mobilidade internacional, reforzando así a aprendizaxe, a inclusión e a cooperación entre países”.