A necesidade de saír á rúa para demandar máis especialistas no Hospital Público de Valdeorras e a mellora da atención sanitaria no Distrito Sanitario do Barco era unha das cuestións que se acordaba na asemblea que celebraba na tarde deste 16 de outubro a recén reactivada Plataforma da Sanidade Pública de Valdeorras.
Numerosas persoas asistían a esta reunión, que se desenvolvía no salón de actos do Multiusos do Barco e na que interviñan os tres voceiros da plataforma Orlando Saavedra; Félix García Yáñez, e Suso Vilasánchez. Este último explicaba a situación actual da atención sanitaria, centrándose principalmente no Hospital Público do Barco, e como se foi deteriorando dende a perda da área sanitaria propia que tiña Valdeorras. Poñía o foco sobre a falta de especialistas, as listas de espera e a súa xestión, a falta de resposta a reclamacións, a falta de información sobre cuestións demandas dende a xunta de persoal como o cadro de facultativos e de persoal real do centro, as pataloxías máis prevalentes do Distrito do Barco ou a realización dun estudo de prevalencia da silicose na comarca… “¿Que máis queremos para saír á rúa como sociedade a nivel comarcal e pedir responsabilidades?”, plantexaba Vilasánchez.
Así mesmo Vilasánchez apuntaba que “se Valdeorras seguise sendo unha área sanitaria, se este hospital tivese a posibilidade de decidir onde investir o seu orzamento, aquí teríamos hoxe un neumólogo, pero non o decidimos nós, decídeno en Ourense. Outro exemplo, antes tiñamos un servizo de admisión propio para xestionar a nosa lista de espera, hoxe non. Unha boa parte dos nosos problemas son decisións políticas de Ourense”.

Na mesma liña se manifestaba Orlando Saavedra, criticando a opacidade na xestión da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco. “O retrato que fixo Suso é unha evidencia, senón este salón non estaría cheo de xente”, comezaba dicindo. Ademais, asegura que a sanidade resulta máis cara para un veciño de Valdeorras que para outro de Ourense, polos continuos desprazamentos á cidade para poder ser atendidos polo sistema sanitario ou facer probas. “Iso é unha situación de desigualdade para a xente de Valdeorras. Ante iso, que facemos, como podemos conseguir reverter isto?”, plantexaba, propoñendo despois retomar as mobilizacións como concentracións ou manifestacións. “Temos que seguir protestando na rúa e para iso necesitamos forza, conformar un grupo que impulse a plataforma e que traballe. O obxectivo é facernos ver e escoitar, temos que seguir insistindo nas nosas demandas”.
Pola súa banda, Félix García lembraba que esta plataforma segue aberta ao conxunto do tecido social, político, sindical e empresarial da comarca e pedía a implicación social para levar adiante as mobilizacións en defensa da sanidade, “necesitamos xente que se implique e que traballe”.

Ademais, por unanimidade dos presentes acordábase convocar unha manifestación de carácter comarcal de cara ao mes de novembro. Nun principio a data que se plantexaba era a do sábado 15 de novembro, se ben isto podería modificarse.
Tamén se decidía convocar unha nova xuntanza, o luns 20 de outubro no Multiusos do Barco ás 19h. de cara a formar grupos de traballo e comezar a organizarse e traballar de cara á convocatoria da manifestación, para informar á sociedade e tamén mobilizala.
Ao remate da xuntanza, diversas asociacións e entidades anotábanse para formar parte do grupo de whatsapp da plataforma. Ademais algunhas delas, como Asilival ou Terra en Pé anunciaban a súa integración na plataforma.
Fotos: O SIL.