OurenseÚltima hora

A Policía Nacional desmantela un punto negro de venda de substancias estupefacientes na cidade de Ourense

Axentes da Policía Nacional veñen de deter a unha persoa por un delito contra a saúde pública en Ourense. A detención produciuse dentro dun dispositivo específico para a detección e desarticulación de puntos negros de venda de estupefacientes na cidade.

“A investigación comezou o pasado mes de agosto, cando a través de diversas fontes policiais, tívose coñecemento da existencia dun novo punto negro de venda de cocaína e haxix, nunha rúa do barrio da Ponte, onde viña observando gran afluencia de persoas que se achegan ás inmediacións do lugar para adquirir substancias estupefacientes”, tal e como informa a Policía Nacional.

O pasado martes día 14, levouse a cabo o operativo policial que finalizou coa detención dunha persoa e co rexistro no domicilio no que supostamente levaba a cabo a actividade delituosa e nun garaxe anexo. “Tamén se efectúa o rexistro dunha segunda vivenda, propiedade do detido, na zona de Velle. Con ocasión dos rexistros practicados levou a cabo a incautación de diversa cantidade de cocaína, haxix e diñeiro en efectivo ademais de útiles para a manipulación e venda da substancia. Tras realizar as dilixencias oportunas o detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda”, informa a Policía Nacional.

Esta operación enmárcase dentro das medidas de prevención e investigación da delincuencia e especialmente no tráfico e consumo de drogas e outras substancias estupefacientes nos barrios da cidade de ourense de O Vinteún, A Ponte, Santa Teresita, Santa Ana do Pino, Covadonga e a Estación Intermodal, dispostas pola comisaría provincial.

“Desarticúlase así un novo punto de venda de drogas na cidade, cumpríndose cun dos obxectivos marcados polos plans estratéxicos do Ministerio do Interior en canto á loita contra o tráfico de substancias estupefacientes, pola súa repercusión para a seguridade cidadá”, conclúe a Policía Nacional.

Back to top button