
Esta noite veñen de abrirse as inscricións para poder participar na oitava edición da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas en Vilamartín de Valdeorras, que se celebrará o domingo 23 de novembro.
“Un ano máis, esta comarca prepárase para tinguirse de morado e demostrar que a solidaridade e o espírito valdeorrés siguen máis vivos que nunca. Tras un verán marcado polos incendios, esta cita solidaria convértese nun símbolo de forza colectiva e compromiso coa investigación”, destacan dende a organización.
“Volvemos correr pola esperanza, polos pacientes e polas súas familias. Cada inscrición suma, cada paso conta. Convidamos a toda Valdeorras e a quen nos segue desde fóra a participar, xa sexa en Vilamartín ou na carreira virtual. O importante é unirse e seguir apoiando a investigación”, animan desde ACAPAVAL, a asociación local encargada da organizacióin da proba xunto coa colaboración do Concello de Vilamartín.
Un ano máis, o 100% da recadación desta edición volverá destinarse integramente a financiar proxectos científicos que buscan mellorar o diagnóstico e tratamento deste tumor, que segue sendo un dos máis letais.
O evento, promovido por ACANPAN (Asociación de Cancro de Páncreas), AESPANC (Asociación Española de Pancreatología)e AEG (Asociación Española de Gastroenterología), está organizado en Vilamartín pola asociación comarcal sen ánimo de lucro ACAPAVAL (Asociación Cancro de Páncreas de Valdeorras), coa colaboración do Concello de Vilamartín, a Federación Galega de Atletismo, a Delegación Valdeorresa de Atletismo e José López “Parra”.
Carreira tamén virtual
Para aqueles que non poidan acudir a Vilamartín, a Carreira das Cidades Virtual ofrécelles a posibilidade departicipar desde calquera punto de España ou do mundo, correndo ou camiñando durante o mesmo período que as probas presenciais (de o10 ao 23 de novembro de 2025).
“O importante non é onde corres, senón por quen e para que o fas. Desde casa, desde outra cidade ou en Vilamartín, todos podemos formar parte desta gran cadea de solidariedade”, apuntan desde a organización.

Datos prácticos:
•Data: Domingo 23 de novembro de 2025• Lugar: Vilamartín de Valdeorras (Ourense)
•Inscricións: www.carreracancerpancreas.es
•Organiza: ACAPAVAL, promovida por ACANPAN, AESPANC e AEG•Patrocinan: Iberdrola, Cupa Group, CAFERSA,Clínica Vázquez.
•Colaboran: Concello de Vilamartín, Deputación de Ourense Federación Galega de Atletismo, Delegación Valdeorresa de Atletismo, Área Sanitaria de Ourense e Ambulancias Sil.