CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Xornada “Ser familia hoxe: unha crianza que se constrúe xuntos”, o 15 de novembro no Barco

Está organizada pola Asociación De Nai a Nai e a Concellería de Asuntos Sociais, Sanidade e Igualdade do Concello do Barco de Valdeorras, está dirixida a nais e pais que "desexen fortalecer os seus vínculos familiares e apostar por unha crianza compartida

A psicóloga Esther Ramírez será unha das relatoras da xornada./ Foto: A.R.

 

A Asociación De Nai a Nai vén de anunciar que o próximo 15 de novembro de 2025 no Barco, de 16:00 a 19:30 horas, celebrarase a xornada “Ser familia hoxe: unha crianza que se constrúe xuntos”. Trátase dunha “proposta que nace dunha necesidade detectada de forma recorrente nos espazos de encontro con nais: moitas seguen asumindo case en exclusiva as tarefas de crianza e coidado, o que repercute no seu benestar emocional, as súas oportunidades laborais e o equilibrio familiar. Nestes diálogos emerxeu con forza a importancia de abrir un espazo específico onde reflexionar sobre o papel dos pais, romper estereotipos e construír modelos máis xustos de convivencia”, explica a presidenta da entidade, Lorena Prada.

Así, a iniciativa busca “promover unha verdadeira corresponsabilidade, entendendo que non se trata de “axudar” ou “apoiar”, senón de compartir responsabilidades con presenza, afecto e compromiso. Esta xornada pretende impulsar un cambio cultural necesario: que os homes se recoñezan como figuras activas e presentes e que as mulleres conten con aliados reais no día a día”, engade.

Para responder a esta realidade, a xornada estrutúrase en tres partes complementarias “que combinan reflexión individual e construción conxunta”. Deste xeito, ás 16:00 horas, desenvolveranse dous relatorios simultáneos. Por unha banda, a psicóloga Esther Ramírez Matos ofrecerá no local De Nai a Nai (Edificio da biblioteca, 4º andar) a charla “Acompañar a crise da transición materna e familiar perinatal comprendendo a psicoloxía do posparto”, dirixida a mulleres. O espazo abordará a carga mental e emocional na crianza, as expectativas sociais sobre a “boa nai”, o dereito para compartir responsabilidades, a participación activa dos pais e estratexias de comunicación que favorezan a corresponsabilidade.

De forma paralela, no salón de actos do Edificio Multiusos, o psicólogo Javier de Domingo impartirá o relatorio “A transición paternal: comprensión, integración, tipos, dificultades, patoloxía e acompañamento”, orientada a homes. Alí trataranse temas como a diferenza entre paternidade tradicional e igualitaria, os mitos sobre “axudar en casa”, os beneficios emocionais dunha paternidade activa, o manexo dos vínculos afectivos con fillos e fillas e a conciliación entre traballo e vida familiar.

 

 

 

Ás 17:30 horas terá lugar o espazo común para mulleres e homes co taller “O proxecto de parella: amor, corresponsabilidade, crianza, reconfiguración, retos e obxectivos”, no salón de actos do Edificio Multiusos. Este encontro propón un traballo práctico de diálogo e construción conxunta, identificación e repartición xusto de tarefas familiares, debate sobre expectativas mutuas na crianza e exercicios de comunicación asertiva en parella. O propósito é facilitar acordos concretos que se poidan trasladar á vida cotiá.

As persoas que participarán nesta xornada contan cunha ampla traxectoria. Javier de Domingo é psicólogo e terapeuta perinatal, docente e conferenciante especializado en paternidade, masculinidade e igualdade, coordinador da área de Paternidade do Instituto Europeo de Saúde Mental Perinatal e coautor de varias publicacións sobre crianza corresponsable. Esther Ramírez Matos, psicóloga xeral sanitaria, terapeuta familiar e especialista en perinatalidad, combina máis de dúas décadas de experiencia clínica e docente, é autora dos libros “Psicoloxía do posparto”, e “A outra cara”, e fundadora de proxectos de acompañamento a familias e círculos de maternidade.

Esta xornada, organizada pola Asociación De Nai a Nai e a Concellería de Asuntos Sociais, Sanidade e Igualdade do Concello do Barco de Valdeorras, está dirixida a nais e pais que “desexen fortalecer os seus vínculos familiares e apostar por unha crianza compartida, pero tamén a calquera persoa interesada na igualdade e os modelos de familia actuais, xa que os beneficios dunha paternidade corresponsable alcanzan a toda a sociedade”, din dende a organización.

Con esta proposta preténdese “romper estereotipos de xénero, abrir espazos de diálogo entre homes e mulleres e cuestionar a división tradicional de roles que relegou aos pais a un papel secundario. Tal e como destacamos, ser papá hoxe significa moito máis que prover; significa estar presente, compartir responsabilidades e crecer xunto aos fillos e fillas. Con esta proposta preténdese inspirar aos homes para implicarse activamente e poñer en valor a maternidade e a paternidade compartida nun momento en que as esixencias laborais e os cambios sociais desafían a convivencia cotiá”.

Back to top button