EconomíaEconomíaÚltima hora

Webinar sobre o rexistro horario, o 30 de outubro dentro do proxecto “Aeva Emprégate VII”

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) organizará o vindeiro xoves, 30 de outubro, un webinar informativo sobre o Rexistro Horario, unha obrigación legal que afecta a todas as empresas, con independencia do seu tamaño ou sector de actividade. A sesión, que se celebrará en formato en liña de 09:00 a 10:00 horas, está dirixida tanto a empresas e autónomos como a persoas interesadas en coñecer as últimas novidades en materia laboral.

“O obxectivo do webinar é aclarar os aspectos fundamentais da normativa actual, explicar como debe implantarse correctamente o sistema de rexistro de xornada e detallar as diferenzas entre os métodos manuais e os sistemas informáticos”, din dende a asociación.

Tamén se abordarán as actuacións da Inspección de Traballo en materia de control horario e as sancións derivadas do incumprimento.

A iniciativa forma parte do proxecto AEVA EMPRÉGATE VII, financiado pola Deputación Provincial de Ourense, cuxo propósito é impulsar a formación e a mellora da xestión empresarial na comarca de Valdeorras. A través deste programa, AEVA continúa ofrecendo recursos e accións formativas que axudan aos empresarios e profesionais a manterse actualizados #ante os continuos cambios normativos.

A participación no webinar é gratuíta para os asociados de AEVA, e a inscrición é obrigatoria e debe formalizarse a través do formulario dispoñible na páxina web de AEVA.

Con esta nova acción formativa, AEVA reforza o seu compromiso coa información, a formación e o acompañamento continuo ao tecido empresarial valdeorrés, favorecendo a competitividade, a legalidade e a profesionalización do conxunto das empresas da comarca.

 

Back to top button