EconomíaEconomíaÚltima hora

Os hostaleiros da Veiga transmítenlle ao director de Turismo de Galicia ideas para reactivar a zona tras os incendios

Amosánselle tamén a súa preocupación polo grave golpe que supuxo para o turismo de montaña de natureza a vaga de incendios deste verán

 

No decurso á súa visita á Veiga neste 24 de outubro, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, mantiña unha xuntanza con hostaleiros deste municipio, cuxa actividade, ligada principalmente ao turismo de natureza e montaña se viu seriamente afectada tras a vaga de incendios que afectaba este verán a Valdeorras. No encontro, que tiña lugar no salón de plenos do Concello da Veiga, tamén participaban o alcalde, Juan Anta, xunto a outros representantes municipais e de Turismo de Galicia.

Merelles expoñíalles as liñas de axudas que existen dende a Xunta de Galicia para os establecementos turísticos afectados polos lumes así como algunhas iniciativas que van poñer en marcha máis adiante neste senso.

“Con todas estas actuacións, xunto coas que estamos desenvolvendo arredor do enoturismo cos fondos Next Generation e os convenios que temos co Xeodestino e co GDR Valdeorras están fortalecendo os atractivos e a oferta turística de Valdeorras o que vai facer que cada vez máis sexa un lugar turístico para visitar”, asegura o director de Turismo de Galicia.

 

 

Pola súa banda, os hostaleiros transmitíanlle as súas inquedanzas e preocupación, tendo en conta que un dos principais recursos turísticos da Veiga e a súa natureza de montaña, danada polos lumes, e tamén comentáballe que sería importante contar con axudas directas. “Propuxémoslle unha serie de ideas e proxectos de cara a impulsar o noso sector porque realmente para nós o golpe foi enorme”, din os hostaleiros. Entre esas ideas figuran a organización dun congreso de turismo de montaña para retomar a actividade turística neste municipio, apotando por facer da Veiga-Trevinca “a capital da natureza de montaña” en Galicia.

Outra das iniciativas que lle expoñían os hostaleiros era a necesidade de recuperación da rede de rutas de sendeirismo e da sinalización de cada un dos sendeiros. Ademais propoñían a creación dunha nova ruta de sendeirismo combina o interese natural e xeomorfolóxico tendo en conta a riqueza glaciar de Trevinca, co ornitolóxico (para a observación de aves), co histórico e patrimonial ligado á minería do volframio, que anos atrás se extraía na zona. “Houbo máis peticións relacionadas coa posta en valor de certas zonas do macizo que non se viron afectadas polo incendio e que permanecen intactas”, conclúen.

Fotos cedidas.

 

 

Back to top button