ConcellosÚltima hora

O voluntariado protexe os solos queimados nos montes lindeiros ao Parque Natural do Invernadeiro

A actividade enmárcase no Plan de Acción contra os incendios deseñado por ABANCA e Afundación para apoiar as zonas e comunidades afectadas pola vaga de lumes do pasado mes de agosto

 

Preto de corenta persoas voluntarias convocadas por ABANCA e Afundación participaron este sábado nunha xornada de voluntariado ambiental no Parque Natural do Invernadeiro e as súas zonas lindeiras, estas últimas fortemente castigadas polos lumes do verán. A acción forma parte do Plan de Acción contra os incendios posto en marcha polo banco e a súa Obra Social en agosto.

Os voluntarios e voluntarias, divididos en varios grupos, traballaron ao longo de toda a mañá nas proximidades do Centro de Recepción de visitantes do Parque Natural, así como noutros lugares de difícil acceso e maior altitude. Parte do colectivo dedicou os seus esforzos á recollida de sementes que serán empregadas nos próximos meses en actuacións de repoboación en lugares próximos ao parque afectados polo lume. En concreto, traballaron na colleita de grans de serbal de cazadores, unha especie que abunda en Galicia, sobre todo nas montañas orientais.

Outro grupo desprazouse ata as zonas máis elevadas e pendentes da parte oriental do parque para realizar traballos de mulching ou acolchamiento do chan con palla, co fin de protexelo da erosión e favorecer a xerminación de novos brotes de vexetación no lugar.

 

 

Ademais, e como complemento a estas dúas actividades, instaláronse casetas refuxio de madeira destinadas a aves e morcegos, e realizáronse acúmulos de cereal e pedras de sal destinados á alimentación da fauna silvestre, elixindo para iso localizacións ben visibles, como grandes rocas e outros elementos do relevo que destacan sobre a paisaxe.

A deste sábado foi a terceira actuación en apenas dúas semanas do voluntariado de ABANCA e a súa Obra Social dentro do seu Plan de Acción contra os incendios, tras as realizadas hai tan só uns días no Concello de Manzaneda, nas contornas do Rego da Mourela en Placín e o Regueiro do Rial en Cabeza de Manzaneda, nas que participaron máis de 150 persoas chegadas de diferentes lugares de Galicia.

A Xunta de Galicia prestou a súa colaboración no desempeño dos traballos realizados durante a xornada coa achega do gran destinado á alimentación dos animais e da palla empregada no acolchamento dos chans queimados.

Fotos cedidas.

Back to top button