
Varios concellos de Valdeorras especialmente afectados polos incendios convocaban esta mañá na Casa do Concello de Vilamartín aos medios de comunicación para pedir a implicación das administracións na solución dos problemas dos arrastres derivados do gran incendio forestal que sufría a comarca, o maior da historia de Galicia. En concreto, piden un plan integral de actuacións e unha colaboración entre todas as administracións: locais, provincial, autonómica e estatal. Estaban presentes os alcaldes de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez; do Barco, Aurentino Alonso; e a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, se ben excusaban a súa asistencia os rexedores deo Bolo, Miguel Ángel García, e de Petín, Raquel Bautista.
Os rexedores expresaban, novamente, o seu malestar polo abandono da Xunta á cidadanía da comarca tanto durante os incendios como agora, coa grave problemática dos arrastres que xa está afectando de xeito considerable a municipios como Vilamartín e, ademais, manifestaban o seu malestar polas declaracións da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nas que reclama unha resposta dos propios concellos e da confederación.
“É difícil asumir isto para nós, cando dende o día seguinte aos lumes empezamos a comunicarlle ás administracións competentes cal ía ser a situación dos nosos montes, dos nosos ríos e nas nosas captacións en canto empezaran as choivas. E se o puxemos en coñecemento de todas as administracións, falo no caso do Concello de Vilamartín, pero entendo que nos outros concellos será algo parecido, é porque dende o Concello non temos capacidade para resolver o que se nos vén enriba co tema das chuvias. Isto xa o falamos máis veces, pero a situación é a que é. Volvemos a incidir no mesmo, e dende o principio advertimos de que facía falta un plan integral de todo o que había nos nosos montes coa intención de poder traballar e ter un documento que nos indique a cada un o que temos que facer. Aí falaramos xa no seu momento de que era preciso algún convenio entre administracións e aquí non libramos a ningunha por suposto, empezando polos concellos, a Deputación, a Xunta e o Goberno do Estado. Evidentemente todos deberiamos de ter unha reunión xa unha semana ou dúas despois dos incendios porque era algo urxente, porque o que nos vén enriba é moi preocupante e non só polo tema da auga”, dicía o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.
O alcalde vilamartinés lembraba que “as augas pasan por todos os montes que pertencen a Medio Rural e ás comunidade de montes, que teñen os convenios entre si. Por iso aquí estamos todos implicados e queremos recordar unha vez máis que entre todas as administracións debemos sentarnos e saber cal é a parte que nos toca a cada un, dende logo no noso concello necesitamos ter un plan para saber que é o que temos que facer”, insistía.
E poñía como exemplo a situación vivida nas dúas últimas fins de semana en Vilamartín, onde o Concello tivo que contratar a persoal privado para facer fronte ás incidencias. “Na reunión que tivemos co presidente da Deputación de Ourense despois dos incendios quedou claro que era moi importante que se comunicara ao Consorcio e a AquaOurense que debería poñer os técnicos e reforzar o servizo, pois non só non se reforzou, senón que agora o que se lles comunican é que ese servizo non o teñen que dar eles que é unha cousa que temos que facer dende os concellos”, lamentaba.

Enrique Álvarez: “Dende os concellos unicamente estamos pedindo axuda”
Neste senso, Enrique Álvarez facía unha chamada á cordura. “Necesitamos de urxencia que entre as administracións deixemos de botarnos os trastos, que nós dende os concellos unicamente estamos pedindo axuda, non dicimos que sexa culpa duns, nin doutros. Se o que pedimos é axuda e se nos pechan as portas, entendemos que estamos no noso dereito de patalexar, porque nós temos que defender aos veciños e temos que estar todos os días dando a cara cada vez que o servizo da auga non funciona ou funciona en malas condicións ou se durante o inverno lle temos que cortar a billa porque iso vai pasar moito durante o inverno e non van ter ese servizo”.
Así mesmo, o alcalde vilamartinés expresaba a súa indignación ante as declaracións da titular de Medio Ambiente. “Que se nos diga que dende o Concello non estamos facendo os deberes cando dende o día seguinte ao lume buscamos solución para todo e estivemos todas as fins de semana, eu persoalmente, arriba no monte e agora atendendo aos propios voluntarios da Xunta sen ninguén que os dirixa, é triste. Se os que estamos pedindo axuda temos que solucionar nós mesmos o problema, pois que noo digan claramente, que non anden con subterfuxios. Se é así, os concellos teremos que volver cos propios veciños a saír a buscar solución como aconteceu cando foron os incendios. Esta é a situación”.

María G . Albert: “A Xunta está facendo unha deixación de funcións”
De maneira similiar pronunciábase a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, “estas declaracións da conselleira de Medio Ambiente son a constatación lamentable de que a Xunta de Galicia renunciou a exercer o seu labor e as súas competencias nos incendios de Valdeorras deste verán. Levabamos xa dous meses avisando a todo o mundo do que ía acontecer, porque cando arde hai arrastres no monte, e a Xunta de Galicia o que fixo foi mirar cara outro lado. Eu creo que a Xunta de Galicia está facendo unha deixación de funcións que supera a neglixencia, a confederación ten competencias sobre as concas hidrográfica, pero nin ela nin os concellos temos competencias sobre o territorio, sobre a xestión do monte, e ademais é máis grave todavía o feito de que dende Medio Rural se fixeron traballos de consolidación no terreo noutras ocasións polos incendios, non só nas concas de Augas de Galicia senón en toda Galicia”.
Para alcaldesa da Rúa, “a Xunta de Galicia está usando os incendios de Valdeorras para facer campaña contra o goberno central. E a min dame igual CHMS ou Xunta de Galicia, as competencias están moi claras, todo o mundo sabe que lle corresponde a cada administración, e a Xunta na reunión á que nos convocou na Cidade da Cultura xa deixou claro que non ían actuar nos montes desta provincia e, efectivamente, agora están aplicando o que dixeron que ían a facer, que era deixarnos abandonados aos concellos”.
Tamén apuntaba María G. Albert que “cando se aprobaron as liñas de axuda, aos concellos directamente non se nos deu ningunha axuda, agás unha proposta de convenio na que tiñamos que facer un relatorio de todos aqueles gastos extraordinarios que tiveramos a consecuencia dos lumes, nós o que fixemos é nun apartado final no que dixemos todos os gastos que se deriven da problemática das augas, que é algo imposible de cuantificar. Por agora co que pasou nestas choivas só tivemos un pequeno aviso do que vai vir neste inverno”.
E engadía que no Concello da Rúa, “a día de hoxe non sabemos nada da formalización dese convenio, pasaron dous meses e medio e non só é que non se puxeran en contacto con nós para nada, senón que nin o asinamos nin sabemos se vai chegar”. Por iso, continuaba, a alcaldesa da Rúa, “as declaracións da conselleira parécenme un insulto á cidadanía que padeceu o peor incendio da nosa historia. É evidente que vai haber arrastres de moitísima gravidade e imos a pasar un inverno moi complicado e é imposible que os concellos, aínda que tiveramos as competencias que non é o caso, tiveramos os medios necesarios para esta problemática, nun contexto no que non só non vai haber auga para consumo, senón para cousas tan básicas como a hixiene persoal, iso é a realidade do que vai pasar polo menos na Rúa e en Vilamartín. Polo tanto é labor da Xunta de Galicia axudar aos concellos para isto. Cada departamento da Xunta terá que afrontar os traballos que correspondan, e o feito de que leven sen dar sinais de vida estes dous meses e medio, paréceme gravísimo”.

Aurentino Alonso: “Os concellos non somos os responsables do incendio nin dos arrastres”
Finalmente interviña o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen comentaba que a situación no caso do Barco non é tan grave como noutros concellos xa que a captación de auga que subministra á vila está en Candís, unha zona que non se viu afectada polos lumes. Pero si hai problemas en alomenos 8 aldeas do municipio “durante eses días de choiva e, a saber cantas semanas, máis porque non temos capacidade para evitar que esas augas contaminadas por eses arrastres cheguen as captacións, hai algunhas directamente enganchadas aos propios regatos co cal é imposible evitar iso”.
Aurentino Alonso apelaba “á cordura no sentido de que este non é un problema político, non debería de ser un problema de enfrontamento entre diferentes administracións, ao contrario, debería de ser un tema de colaboración porque ao final estamos falando de veciños, de usuarios que necesitan unha auga en condicións tanto para consumo como para distintos usos como de aseo ou limpeza. Nós no Barco tampouco recibimos ningunha chamada nin ningunha colaboración de ninguén interesándose por algunha necesidade que puideramos ter, así que creo que é un punto que hai que deixar moi claro”. O alcalde barquense recordaba que ante a problemática xurdida pola auga nalgunhas aldeas o Concello do Barco solicitaba ao Consorcio de Augas de Valdeorras a instalación de dúas fontes provisionais en Viloira e en Veigamuíños, conectadas á rede do municipio, ás que poden acudir os veciños do Barco, pero tamén os doutros municipios da comarca.
Ademais, Alonso resaltaba que “os concellos non somos os responsables do incendio e tampouco de que agora, a causa do incendio, que foi un problema territorial, xurda outro problema territorial que é o destes arrastres ou destas contminacións que poidan chegar ás nosas captacións. Polo tanto, alguén se tería que ter preocupado disto, cando ademais se leva alertando sobre este problema que nos viña detrás, cando empezara a chover e cando chova torrencialmente, esta situación vaise agravar. Por iso eu pediríalle á Xunta que reconsidere a súa postura. Isto non é unha cuestión de cores políticos, senón de resolver un problema moi grave para a cidadanía, que non vai ter auga en condicións. Polo tanto, cordura e, sobre todo, colaboración entre administracióin”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.